Exixen a Casares Long que permita o acceso ao convenio coa universidade ''orgullosamente sionista'' de Ben-Gurion

Foto: USC
O observatorio Esculca pregunta por que un documento ''que nada ten de confidencial'' fica ''celosamente gardado''. BDS xa pediu hai un ano a ruptura do acordo cunha institución que "discrimina o alumnado e persegue docentes crític@s" e que ofreceu "beneficios especiais" aos soldados da operación Chumbo Fundido

O observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca vén de remitir unha carta ao reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, co obxectivo de que este facilite o acceso ao convenio "de duración indefinida" asinado en xaneiro de 2010 coa Universidade de Ben-Gurión de Negev. Segundo a misiva, trátase dun documento que "nada ten de confidencial", mais fica "celosamente gardado" pola institución que representa Casares Long.

A petición realízase despois de que outros colectivos e un profesor da institución pública solicitasen sen éxito coñecer o contido do documento asinado en colaboración cun ente que se define a si propio como "orgullosamente sionista", en palabras da súa presidenta, Rivka Cami. Alén de queixarse da falta de transparencia da USC, Esculca criticou a "información confusa" sobre o contido do convenio que achegou Casares Long a membr@s do Consello de Goberno que tamén mostraron interese porque o texto sexa público.

Non é esta a primeira carta que o reitor compostelán recibe para demandar a mesma información e para exixir que se rompa ese acordo. O colectivo Boicot, Desinvestimentos e Sancións --BDS polas súas siglas e que na Galiza forman CIG, CNT, Liga Estudantil Galega, Altermundo, Fuga Em Rede, Esculca e Pallas@s en Rebeldía-- denunciaron hai máis de un ano que a Universidade de Ben-Gurion "discrimina o alumnado de lingua árabe e persegue @s docentes crític@s coas políticas racistas de Israel". Esta mesma institución ofreceu "beneficios especiais" aos soldados israelís que fixeron parte da ocupación de Palestina na denominada 'operación Chumbo Fundido', en que foron asasinad@s 1.400 palestin@s na Faixa de Gaza.