Extinguido o incendio forestal de Cea e controlado o de San Cibrao

Bombeiros apagando o fogo de Cea. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Por outra parte, en Cortegada (comarca do Ribeiro) houbo un conato en menos dunha hectárea, así como outro incendio en Vilamartín (Valdeorras), que afectou tres hectáreas. En ambos os casos o fogo está tamén controlado.

O incendio forestal de Cea (comarca do Carballiño) quedou extinguido nas últimas horas, mentres os distintos focos iniciados esta quinta feira en San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense) están xa controlados, tal e como notificaron a primeira hora desta sexta feira fontes da Consellaría do Medio Rural.

No caso do incendio de Cea, que se iniciou ás 16.24 horas da pasada terza feira na parroquia de Oseira, elévanse a 58,06 as hectáreas de superficie arborada afectada. Quedou extinguido ás 22.33 horas desta quinta e para o seu control mobilizáronse cinco técnicos, 34 axentes, 54 brigadas, 35 motobombas, catro pas, oito avións e outros tantos helicópteros.

Entre as brigadas mobilizadas participaron tamén nos labores de extinción dous equipos de bombeiros procedentes de Estonia que se atopaban de estancia na Galiza no marco do mecanismo europeo de protección civil e que se enfrontaron ao seu primeiro fogo forestal.

San Cibrao

Por outra parte, no caso de San Cibrao das Viñas, con varios focos distintos, dous deles próximos á autovía A-52, dáse por controlado. Os dous primeiros focos, segundo explicou a alcaldesa da localidade, Marta Novoa, rexistráronse ao fío das 18.30 horas no lugar de Barreiros, perto das obras do AVE e nunha zona de naves industriais, así como en Outeiro Calvo. Pouco tempo despois, e próximo a este último punto, orixinouse un terceiro foco.

A Consellaría do Medio Rural manifestou que están todos controlados desde esta madrugada, cunha afectación total de nove hectáreas, e co despregamento de nove axentes, 18 brigadas, doce motobombas, unha pa, un técnico, nove avións e sete helicópteros.

Por outra parte, en Cortegada (comarca do Ribeiro) houbo un conato en menos dunha hectárea, así como outro incendio en Vilamartín (Valdeorras), que afectou tres hectáreas. En ambos os casos o fogo está xa controlado.