Extinguido o incendio do Xurés tras queimar 160 hectáreas

Traballadores forestais observan os danos ocasionados polo incendio forestal en Salgueiros, no concello de Muíños. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Foi o terceiro incendio en menos dunha semana que afectou o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

A Consellaría do Medio Rural da Xunta da Galiza vén de dar por extinguido o incendio que afectaba desde a tarde desta segunda feira o municipio de Muíños (Baixa Limia) e que calcinou unhas 160 hectáreas de monte raso dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

O fogo orixinouse sobre as 18 horas da segunda feira en Portugal, en dous focos diferentes, e entrou na Galiza a través da parroquia de Prado de Limia, en Muíños. Quedou extinguido pouco antes das 10 horas desta cuarta feira.

Nos labores de extinción deste lume traballaron dous técnicos, doce axentes, quince brigadas forestais, oito motobombas e dous helicópteros.

Trátase do terceiro incendio que afecta estes días o parque natural do Xurés, logo de que esta segunda feira se dese por extinguido outro fogo, tamén procedente de Portugal, con menos dunha hectárea queimada, no municipio de Calvos de Randín, e de que na sexta feira as chamas afectasen tamén Muíños.