O Extra do 11/11 da ONCE reparte máis de 16 millóns de euros en Compostela

O número vendeuse en Porta Faxeira.

O sorteo extraordinario do 11/11 da ONCE deixou 16.400.000 euros en Santiago de Compostela, onde o vendedor Juan Carlos Rodríguez Collazo vendeu a serie agraciada cos 11 millóns de euros no seu punto de venda habitual, en Porta Faxeira.

Segundo informou a institución, o vendedor di que o repartiu "ao picoteo" entre os viaxeiros e peregrinos que pasa por alí, así como entre os habituais traballadores dos comercios próximos da zona.

Ademais da serie que gañou os 11 millóns de euros, vendeu 108 cupóns máis, premiados con 50.000 euros cada un. A Galiza repite como agraciada neste sorteo, xa que o pasado ano os 11 millóns caeron en Ribadeo, na Praia das Catedrais.

"Estou moi nervioso, estaba convencido de que ía dar o premio. Onte á noite mesmo o soñei, pasei a noite moi intranquilo porque sabía que o ía a repartir e así foi", remarcou o vendedor.