Facebook e Twitter adáptanse a persoas con cegueira

[Imaxe Incredibilia]

Ambas as dúas redes sociais desenvolveron ferramentas para describir as imaxes partilladas. E non son as únicas.

Nas últimas semanas as redes sociais Twitter e Facebook foron adaptándose a persoas con diversidade funcional visual. Ambas as dúas despregaron ferramentas que permiten describir as imaxes penduradas polas persoas utentes permitindo que aquelas con visión reducida ou mesmo cegueira poidan coñecer o seu contido. 

A primeira foi Twitter que permite incorporar unha breve descrición, de "420 caracteres", explica o enxeñeiro en telecomunicacións e editor de Mallando no Android Iago Varela en conversa con Sermos Galiza. Desta meneira, cando partillamos unha fotografía podemos indicar os elementos que a compoñen ou os seus trazos principais. 

Facebook introduce un elemento novidoso que é a aplicación de intelixencia artificial no procesamento das imaxes

Pola súa banda, Facebook foi un bocadiño alén diso e introduce un elemento "novidoso" ao "usar intelixencia virtual" no procesamento das imaxes. Isto é, é a propia rede social a que recoñece os elementos da fotografía ou vídeo da man de "cen palabras" como árbore, persoas, ceo ou os sonados selfie (autorretratos). 

A decisión de incoporar esta posibilidade partiu dun dos enxeñeiros da empresa, Matt King, invidente. Após o procesamento da imaxe unha voz virtual dá leitura ao contido. Até o momento está en beta e disponíbel só para iOS (Apple) mais visan que co tempo se amplíe a outros sistemas operativos. 

"Polo de agora é a cegueira a que máis se atende", sinala Iago Varela a respeito da adaptación das redes sociais ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Neste senso, "Youtube xa permite desde hai tempo crear automaticamente e en tempo real subtítulos", explica. 

Google e Apple permiten ditar ordes e mesmo texto aos teléfonos, unha ferramenta útil para persoas con mobilidade reducida

E que acontece coas persoas que posúen mobilidade reducida? Tanto Google como Apple "permiten falar ao teléfono e ditar", por exemplo, "pon un chío". Pola súa banda, Google "permite usar practicamente todas as súas ferramentas con voz, non só as redes sociais", así podemos "ditar texto tipo .word [.odt]" e mesmo indicar a Excel [Calc] o que queremos redixir nunha folla de cálculo. 

Nun momento da historia no que cada vez son máis as persoas usuarias deste tipo de ferramentas e espazos de comunicación, as empresas van adaptándose á rica diversidade que compón o mundo.