18-F

Maior cobertura da TVG, recuperar a toponimia galega e fomentar a lingua: as demandas da veciñanza do Bierzo

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
O colectivo Fala Ceibe chama a ampliar e garantir a retransmisión da televisión pública da Galiza en toda a comarca.

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo informa das numerosas queixas que está a recibir por parte de varios veciños e veciñas da cidade de Ponferrada alertando de que non poden ver a Televisión da Galiza (TVG) "desde hai varios días". "Hai lóxicas dúbidas sobre se este é un problema temporal, pola nova recomposición das canles televisivas, ou resulta estrutural pola alteración permanente da recepción da TVG na rexión do Bierzo, sinalan, ao tempo que piden recuperala "de forma definitiva".

"Todos ben sabemos da importancia que ten esta televisión pública para manter os vencellos culturais e lingüísticos coa Galiza. Por iso estamos dispostos a facer o que sexa para recuperar a recepción da TVG no Bierzo. Hoxe remitimos este comunicado aos medios de comunicación para logo continuar co aviso aos partidos políticos e institucións públicas correspondentes, de Galiza e Castela e León", precisan desde Fala Ceibe.

Campaña electoral

De forma paralela, e aproveitando o inicio esta mesma semana da campaña electoral de cara ao 18 de febreiro, desde este colectivo chaman as diferentes forzas políticas a "profundar nas relacións históricas, culturais e lingüísticas" entre Galiza e O Bierzo. No que atinxe á propia TVG, aseguran que debería prestar "máis atención informativa" á súa comarca.

Para iso, cren que sería importante que se destinasen correspondentes fixos na rexión, ou ben asinar convenios de colaboración informativa coa televisión de Castela e León, que ten sede no Bierzo. "Sempre será mellorábel a información da TVG sobre os territorios estremeiros de Eonavia, O Bierzo e A Seabra, todos eles de fala galega. Para nada queremos illarnos da  comunidade galegofalante do noroeste peninsular nos niveis televisivo e dixital, e por iso pedimos axuda de novo contra as dinámicas afastadoras e as políticas derivadas de artificiais fronteiras administrativas que hoxe sufrimos", advirten.

Nos debates políticos da Galiza, ante as eleccións do 18-F, as relacións culturais cos citados territorios estremeiros "tamén teñen que estar presentes", din. "A nosa supervivencia lingüística futura depende das relacións normalizadas con Galiza. Teimamos en que non queremos illarnos culturalmente da Galiza, a pesar de estar separados politicamente. Reclamamos unha vez máis a axuda foránea e veciñal para poder existir como territorios galegofalantes no século XXI. Pódese facer máis por manter a irmandade cultural entre Galiza e os tres territorios estremeiros, necesitamos vontade política e menos medos a traballar polo idioma galego común", proseguen.

Pola parte do Bierzo reclaman "axuda" da Galiza para fomentar o galego nos entes locais, como é o caso do Consello comacal, os concellos e as pedanías. "Por iso temos claro que hai que crear un servizo lingüístico comarcal cando antes", apuntan. E, para iso, cren que "cómpre asinar xa un protocolo de colaboración Xunta da Galiza e mais o Consello comarcal berciano".

Como deberes pendentes, sinalan a recuperación da toponimia galega no Bierzo: A Comisión toponímica da Galiza e o Consello comarcal poden comezar a investigar, coa axuda do Instituto de Estudos Bercianos e universidades galegas, por exemplo".

Desde Fala Ceibe conclúen que "hai moito que facer", mais falta "vontade política dual" mentres a demanda social bilingüe "medra cada día máis".