Falece un home atropelado por un tren en Padrón

Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O tren Rexional que saíu de Vigo con dirección A Coruña colidiu cunha persoa nun "punto de paso non autorizado".

O tráfico ferroviario no eixo atlántico atópase detido entre Padrón (O Sar) e Compostela como consecuencia dun atropelo que invalidou as vías. 

Segundo trasladaron fontes de Adif a Nós Diario, desde as 16.30 horas desta sexta feira o tren Rexional (Vigo-A Coruña) atópase detido entre Padrón e a Escravitude por un atropelo que tería acontecido nun "punto de paso non autorizado"

As viaxeiras e os viaxeiros do tren permaneceron no seu interior até pasadas as 18 horas, cando a autoridade xudicial permitiu o desprazamento do tren até A Escravitude e no momento en que desde Renfe se habilitou transporte por estrada. Concretamente, segundo sinalan desde Renfe, habilitáronse tres autobuses que levaron as viaxeiras e os viaxeiros até os seus destinos.

Desde Renfe informaron a Nós Diario que o tráfico ferroviario dos trens rexionais "desviouse para manter unha circulación fluída" cara a vía de altas prestacións entre Compostela e Vilagarcía de Arousa (O Salnés) e viceversa. Estabeleceuse tamén un sistema de transporte alternativo por estrada para as paradas intermedias neste tramo, como poden ser Pontecesures, Padrón ou Catoira, que non existen na vía de altas prestacións.