Falece un home de Maceda tras ser atropelado por un camión que se deu á fuga

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
A Garda Civil iniciou un dispositivo de procura do camión implicado na morte.

Un home de 56 anos morreu esta sexta feira en San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense) ao ser atropelado por un camión que se deu á fuga, polo que a Garda Civil iniciou un dispositivo de procura. Segundo informaron o 112 da Galiza e a Garda Civil, o suceso ocorreu ás 12 horas no quilómetro 233 da OU-525.

Ao parecer, a persoa que contactou cos servizos de emerxencias relatou que se atopou ao peón atropelado e que este mesmo lle contou que fora atropelado por un camión, aínda que naquel lugar non había ningún vehículo.

Posteriormente, desprazáronse até alí a Garda Civil e efectivos de Urxencias Sanitarias-061, que soamente puideron confirmar o falecemento do home, un veciño de Maceda (comarca de Allariz-Maceda) de 56 anos. A Garda Civil investiga o acontecido e o Subsector de Tráfico xa activou un dispositivo de procura para dar co camión implicado.

Ciclista en Boqueixón

Por outra parte, un ciclista resultou ferido ao ser atropelado esta sexta feira na parroquia de Lestedo, en Boqueixón (comarca de Compostela). Ocorreu no quilómetro 329 da N-525.

Foi un particular quen contou os feitos ao 112 e quen avisaba que o ciclista estaba ferido mais consciente. Até o lugar desprazouse un helicóptero medicalizado do 061 con base en Compostela, a Garda Civil, Protección Civil e os servizos de mantemento da estrada.