Falece Jorge Canda Martínez, alcalde da Lama durante 28 anos

O ex alcalde da Lama, Jorge Canda. (Foto: Concello da Lama)

Iniciou a militancia no CDS e foi alcalde polo PSdeG e polo PP.

O Concello da Lama (comarca de Pontevedra) decretou tres días de loito polo falecemento de Jorge Canda Martínez, alcalde da localidade durante 28 anos —desde 1995 até 2023—.

A noticia do falecemento de Canda Martínez foi recibido cun gran pesar pola veciñanza. O óbito, sinalou o consistorio nun comunicado, produciuse sobre as 4 horas deste domingo como consecuencia dunha longa enfermidade.

O velorio comezou ás 10 horas deste domingo no Tanatorio de San Mauro, en Pontevedra, e o funeral terá lugar esta segunda feira, ás 19 horas, na igrexa parroquial da Lama.

"Jorge Canda deixa unha profunda pegada entre a veciñanza da Lama e un profundo respecto entre o mundo político comarcal e provincial xa polo seu talante e afabilidade, así como pola súa capacidade de traballo e compromiso co futuro da Lama", sinalou o Concello nun comunicado.

Traxectoria política

Canda Martínez comezou a súa militancia política en 1986 no CDS e foi candidato á alcaldía por ese partido en 1987. Posteriormente, pasou ao PSdeG como independente e, nas eleccións municipais de 1991, quedou a 13 votos de alcanzar a Alcaldía.

Con todo, foi nas seguintes eleccións, en 1995, cando chegou ao Goberno cun pacto coa forza independente de Gregorio Xusto. Nos comicios municipais de 1999, encabezou de novo a candidatura dos socialistas e alcanzou a maioría absoluta.

Posteriormente, por desavinzas coa Dirección dos socialistas, Jorge Canda e o seu equipo de Goberno pasaron ao grupo mixto e, en 2002, formalizaron o seu ingreso no PP.

Nas municipais de 2003 encabezou a lista do PP, que foi elixido por maioría absoluta, do mesmo xeito que nos seguintes comicios. En 2023 integrou a lista liderada polo actual alcalde, David Carreira Cal.