Falece Juan Jesús Calo, o neno que puxo rostro ao drama da emigración

Juan Jesús Calo e o seu pai, Miguel Ángel Calo (Foto: Manuel Ferrol)

Tiña 75 anos e vivía en Fisterra. En 1957 foi inmortalizado por Manuel Ferrol canda o seu pai durante unha despedida a emigrantes que partían para a Arxentina.

Juan Jesús Calo era coñecido domo “Chanquete” e morreu aos 75 anos de idade en Fisterra, onde traballou de mariñeiro. Estes datos pode que non digan moito aos lectores e lectoras mais unha foto, neste caso, si vale máis por mil palabras.

El, canda o seu pai Manuel Ángel Calo ‘O Jurjo’ puxeron rostro ao drama da emigración. Retratounos Manuel Ferrol no porto da Coruña, ambos os dous chorando na despedida a un familiar que emigraba a Arxentina. Foi o 27 de novembro de 1957.

Manuel Ferrol (1923-2003) foi un fotógrafo galego cuxo traballo foi censurado pola ditadura franquista.

En novembro de 1957, a Manuel Ferrol encárganlle unha reportaxe fotográfica na Coruña, onde centos de galegos embarcan con destino a Bos Aires, no buque Juan de Garay. "Abandonan a patria perfectamente atendidos e acondicionados"... dicía oo nodo franquista que retransmite a escena como un momento feliz porque van reagruparse cos seus familiares alén do Atlántico, mais as fotos de Ferrol mostran outra realidade.

A peza forma parte de serie 'Emigración' que realizou Manuel Ferrol para deixar constancia fotográfica da diáspora galega. 

"Ese día levaba a cámara de reporteiro de sempre, tipo Leica, pero ao ver o dramatismo do momento decidiu volver a por unha Rolleiflex porque se pode fotografar en ángulo recto e escondeuna na gabardina para que a xente non se espantase cando vise ao fotógrafo", aseguraba a súa filla Patricia nunha reportaxe en RTVE.