Falece María Belén López Meirama, profesora da Facultade de Filoloxía da USC

A profesora María Belén López Meirama era directora do departamento de Lingua e Literatura españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC (Foto: Santi Alvite).
O pasamento deixa un fondo pesar entre a comunidade da universidade compostelá.

María Belén López Meirama, directora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), faleceu nas últimas horas de forma repentina.

A USC e a facultade na que traballaba trasladaron a través dun comunicado o seu "profundo pesar" por esta morte que "se fai especialmente desoladora" para os e as integrantes da área de Lingua Española, da que era profesora titular.

"A dedicación académica e persoal de Belén valeulle o fondo recoñecemento e afecto de discípulos e compañeiros", subliña a universidade, quen destaca a súa carreira investigadora ao redor da sintaxe, o léxico do castelán na Galiza e as construcións fraseolóxicas.

Colaboracións con outros departamentos

Ademais, López Meirama participou en varios proxectos de investigación con colegas das áreas de Filoloxía Alemá, Española e Galega. "Foi unha docente comprometida que sempre tratou de transmitir o seu saber ás xeracións máis novas", subliñan desde a facultade da que foi vicedecana entre os anos 2012 e 2016.

A comunidade do centro "únese á súa familia e ás súas amizades na inmensa dor provocada pola súa morte". "Deixa en nós e na nosa memoria o seu exemplo de rigor, compromiso e xenerosidade", conclúe o comunicado da USC.