Un motorista perde a vida tras chocar contra un turismo en Pedrafita do Cebreiro

Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
Segundo informou o 112, foi ao fío das 17.15 horas deste domingo cando un particular deu a voz de alarma e detallou que o motorista necesitaba asistencia sanitaria urxente.

Un motorista perdeu a vida tras chocar contra un turismo na LU-633, no quilómetro nove, ao seu paso polo municipio de Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares). Segundo informou o 112, foi ao fío das 17.15 horas deste domingo cando un particular deu a voz de alarma e detallou que o motorista necesitaba asistencia sanitaria urxente.

Até o punto desprazáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Con todo, nada puideron facer os equipos de emerxencias sanitarias por salvarlle a vida deste home.

Accidente de moto en Cerceda

Por outra parte, outro motorista resultou ferido en Cerceda (comarca de Ordes), tamén na xornada deste domingo, despois de cruzarse cunha manda de xabarís cando circulaba pola estrada AC-409 ao seu paso pola parroquia de Queixas.

Foi un particular o que chamou á central de emerxencias sobre as 18 horas e detallou que o implicado estaba ferido. Até o punto desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, a Garda Civil e os servizos de mantemento da estrada.