Falece o mozo que sufriu unha caída de oito metros nun rocódromo de Compostela

Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela, onde traballaba, informou do pasamento.

O mozo que sufriu, o pasado 17 de xuño, unha caída de oito metros de altura nun rocódromo de Compostela faleceu, segundo informou o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) -dependente da Universidade de Santiago (USC)-, onde traballaba como investigador postdoutoral.

Nun comunicado, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías comunicou o falecemento, ocorrido o 21 de xullo, un mes despois do suceso, de Arnau Brossa Gonzalo, "debido ás complicacións producidas por un accidente de escalada".

Este mozo licenciouse en Física na Universitat de Barcelona (UB) en 2016, especializándose en Física teórica. Posteriormente, realizou un mestrado en Astrofísica, Física de Partículas e Cosmoloxía na UB, cun traballo de mestrado sobre o experimento LHCb.

Despois continuou cos seus estudos de doutoramento (2017-2022) en Física de Partículas na Universidade de Warwick (Reino Unido). O seu traballo gañou o Premio Springer Thesis pola súa sobresaliente investigación.

Tras o seu doutoramento na Universidade de Warwick, Arnau uniuse ao grupo de LHCb no Igfae en 2022 para seguir traballando no experimento LHCb, primeiro como investigador postdoutoral e máis tarde como investigador Juan de la Cierva. Pasou a formar parte do grupo de Lepton Flavour Universality do Igfae, cun papel de liderado, relata o Instituto no comunicado.

Por todo iso, o Igfae transmite o seu pesar e condolencias á súa nai, Mercè; ao seu irmán, David; ao seu tío e á súa tía. "As súas moitas amizades no instituto e o experimento LHCb botarán moito de menos a súa tenrura, amabilidade, dedicación, intelixencia e capacidade", subliña.

Investigación

Un particular avisou do suceso, sobre as 20.15 horas do 17 de xuño, ao 112 Galiza. Expuña que o mozo se precipitou cando estaba a practicar escalada nun centro de lecer. Até este estabelecemento situado no polígono de Costa Vella, na rúa República Checa, desprazouse o helicóptero con base medicalizada en Compostela.

Os membros da Policía Local desprazados até onde se produciu o accidente detallaron que a persoa sufrira unha caída desde uns oito metros de altura. Pola súa parte, fontes próximas á investigación explicaban que até o lugar se desprazaron membros da Policía científica e xudicial, con dilixencias abertas e análises de probas. Así, había hipótese abertas como un fallo no cable de suxeición.