Falece unha persoa tras ser atropelada por un turismo en Brión

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Dúas persoas resultaron feridas nunha saída de vía en Lousame

Un home duns 50 anos faleceu tras ser atropelado por un turismo na AC-304, en Soigrexa, no municipio de Brión (comarca de Compostela). 

Segundo informou o 112, o suceso produciuse minutos antes das 5.00 horas deste sábado e foi o propio condutor do vehículo o que deu a voz de alarma.

A central de emerxencias mobilizou aos profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que comunicaron o falecemento da persoa, e á Garda Civil.

Saída de vía en Lousame

Dúas persoas resultaron feridas tras unha saída de vía na DP-1105, á altura da parroquia de Tállara, en Lousame (comarca de Noia).

Segundo informou o Consorcio Contra Incendios e de Salvamento da Coruña, o suceso produciuse sobre as 17.00 horas da sexta feira no quilómetro 4,5 da vía.

A saída de vía produciuse pola marxe esquerda, en dirección Boiro (O Barbanza), e o turismo quedou envorcado sobre o teito na beirarrúa. Ademais, o coche impactou contra un poste de corrente que quedou tirado na estrada e cortou os dous sentidos de circulación.

Até o punto desprazáronse os Bombeiros de Boiro, o GES de Noia e a Garda Civil.