OBITUARIO | Falece Rafael Pillado, histórico dirixente sindicalista

Rafael Pillado Lista. (Foto: Miguel García)
Pillado estaba vinculado con Comisións Obreiras (CCOO) e o Partido Comunista de España (PCE) desde tempos da ditadura franquista.

Na tarde desta segunda feira 20 de febreiro o histórico sindicalista natural de Cervo, Rafael Pillado, faleceu por mor dun cancro de pulmón.

Pillado estaba vinculado con Comisións Obreiras (CCOO) e o Partido Comunista de España (PCE) desde tempos da ditadura franquista.

Para alén diso foi un dos protagonistas das folgas do 10 de marzo de 1971 en Ferrol, xa que era traballador do estaleiro de Bazán.

A exposición ao amianto por causa do seu traballo neste estaleiro, Pillado padecía un cancro de pulmón que finalmente derivou na súa morte esta segunda feira.

Residente ferrolán desde a súa infancia, o pasado 7 de xaneiro recibiu unha das insignias de ouro do Concello de Ferrol, sendo ese un dos últimos actos nos cales se puido ver ao dirixente sindicalista en público.

Xuízo polo cancro

En xaneiro de 2022 fixo público que padecía un cancro. "Quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidade e a de tantos afectados sexa clandestina", proclamou Pillado entón, cando avanzou a presentación dunha reclamación xudicial que definiu como un intento por que cumprisen "os responsábeis" dos "asasinatos silenciosos" producidos pola exposición ao amianto.

En setembro do pasado ano o Xulgado do Social número 2 de Ferrol admitiu de maneira parcial a reclamación presentada por Rafael Pillado, na cal se condena á empresa naval publica Navantia a indemnizalo en 127.909,22 euros, unha cantidade moi afastada aos máis de 379.000 euros que reclamaba na demanda.

Tras coñecerse o fallo, o avogado do histórico sindicalista, Suso Porta, avanzou a presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), ao estimar que dita indemnización non se corresponde co dano causado.