Falece o sancristán de Carballo ao que lle caeu enriba a imaxe dun santo

Igrexa de San Xoán, en Carballo. (Foto: Google)
O home, de 78 anos e natural de Coristanco, foi evacuado en helicóptero ao Chuac, onde finalmente morreu.

Faleceu o sancristán da igrexa do centro do municipio de Carballo (comarca de Bergantiños) que resultara ferido grave este sábado ao sufrir unha indisposición e caerlle enriba unha imaxe dun santo.

O home, de 78 anos e veciño de Coristanco, foi trasladado en helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde estivo ingresado e faleceu na mesma xornada.

O suceso produciuse sobre as 13.25 horas deste sábado e foi Urxencias Sanitarias quen alertou o 112 da incidencia e do desprazamento da aeronave para o seu traslado. Foron avisados tamén Policía Local e Protección Civil, entre outros.

O sancristán foi evacuado desde a igrexa de San Xoán, onde tivo lugar o tráxico accidente até o parque de San Martiño, onde aterrou o helicóptero para evacualo.