Falece Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de ‘La Voz de Galicia’

Santiago Rey Fernández-Latorre, nunha imaxe de arquivo.
O seu corpo será velado no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, situado na proximidade das instalacións que a empresa ten no polígono de Sabón, en Arteixo.

O presidente e editor do xornal La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, faleceu esta cuarta feira aos 85 anos de idade a causa dunha enfermidade que deteriorou a súa saúde na última semana.

Os seus restos mortais serán velados no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, situado no polígono de Sabón, en Arteixo (comarca da Coruña), onde La Voz de Galicia ten as súas instalacións. O velorio será aberto a quen queira manifestarlle o seu sentimento, así como condolencias a familia e amizades.

A vinculación de Fernández-Latorre con La Voz de Galicia, empresa fundada polo seu avó Juan Fernández Latorre en 1882, remóntase a 1961. Dous anos despois convértese no seu xerente, logo en conselleiro delegado, en 1987 xa era vicepresidente da firma, e en 1988 foi nomeado presidente ao falecer o seu irmán Emilio.

A Santiago Rey atribúeselle a construción da planta de impresión de Sabón, insignia da compañía, así como a expansión do grupo coa adquisición doutras cabeceiras e medios, estendendo o negocio tamén ao sector audiovisual.

Ademais, foi o creador de Antena 3 Galicia e o grupo Cable, así como da axencia de noticias Copilsa. Presidiu o Instituto Internacional de Prensa (IPI) e colaborou na fundación da Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE).

Entre os galardóns que recibiu pola súa traxectoria empresarial destacan a Gran Cruz do Mérito Civil en 1986, a Medalla de Ouro da Galiza en 2005 ou as medallas de ouro e brillantes da Fundación Barrié da Coruña, en 2007, e a do Colexio de Médicos da Coruña (2011). Ademais é fillo predilecto da Coruña desde 2001 e doutor honoris causa das universidades da Coruña (2002) e da de León (2006).

Reaccións

As mensaxes de condolencia non se fixeron agardar nas redes sociais. "Hoxe a Galiza perde unha figura impresdincíbel na nosa historia", escribiu no seu perfil da rede social X o presidente galego, Alfonso Rueda. "Grazas por engrandeser o noso xornalismo e axudar a mellorar o noso país. O teu compromiso e rigor quedan nas páxinas de La Voz de Galicia. Non te esquecemos", engadiu. 

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu pesar á familia e ao cadro de persoal de La Voz de Galicia. "As miñas condolencias á familia de Santiago Rey e a todas as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia, que baixo o seu labor como editor situouse como o medio máis lido en Galiza e un dos principais do Estado", reza unha mensaxe no seu perfil de X.

O Goberno do Estado español, a traves do seu delegado na Galiza, Pedro Branco, enviou as súas "máis sinceras condolencias a familiares, amigos e compañeiros de La Voz de Galicia nestes momentos tan complexos". "O seu legado perdurará entre nós. Descanse en paz", concluíu Branco.

"Unha das persoas máis importantes da historia do xornalismo neste país", expresaba Inés Rei, alcaldesa da Coruña. O seu homólogo en Vigo, Abel Caballero, destacou Fernández-Latorre como unha "parte importante da historia da Galiza". "O meu máis sentido pésame polo falecemento de Santiago Rey Fernández-Latorre aos seus familiares, os seus amigos e a todos os profesionais que conformaron La Voz de Galicia durante este tempo", expresou.

No Concello de Culleredo (comarca da Coruña) as bandeiras ondean esta cuarta feira a media hasta polo pasamento de Fernández-Latorre, que era fillo adoptivo deste Concello e veciño da parroquia de Almeiras.

[EN AMPLIACIÓN]