Falece unha veciña de Fene tras ser atropelada nun paso de peóns de Neda

Concello de Fene (Foto: Turismo.gal).
A muller fora traballadora do Concello de Fene, o cal publicou unha mensaxe de condolencia nas redes sociais.

Unha muller de 67 anos e veciña de Fene (comarca de Ferrol) que foi atropelada na mañá da terza feira mentres cruzaba un paseo de peóns na avenida de Alxeciras do municipio veciño de Neda (comarca de Ferrol) faleceu como consecuencia das graves feridas sufridas.

A causa do impacto, a muller chegou a entrar en parada cardiorrespiratoria, mais unha enfermeira que estaba na zona conseguiu reanimala e asistila, xunto a outras veciñas, até a chegada da ambulancia, que a trasladou ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, onde faleceu horas máis tarde.

A muller fora traballadora do Concello de Fene, o cal publicou unha mensaxe nas súas redes sociais. "O Goberno, a Corporación municipal e os compañeiros e compañeiras queremos expresar o noso máis profundo pesar polo falecemento de Carmen Rodríguez Carballeira, traballadora deste Concello durante moitos anos", sinala a mensaxe. "Tamén queremos trasladar todo o noso agarimo e apoio aos seus familiares e amigos nuns momentos tan difíciles. D.E.P.", finaliza a publicación.