Obituario

Falece o xornalista Pepe Seijo

O xornalista Pepe Seijo. (Foto: Cadena SER)
Seijo, de 57 anos, estaba traballando nos informativos cando faleceu de maneira repentina.

Unha das voces máis características das ondas radiofónicas en Lugo, Pepe Seijo, faleceu esta segunda feira de forma repentina mentres traballaba no informativo diario de Radio Lugo-Cadena SER, segundo informa a TVG. O xornalista, de 57 anos de idade, entrou en directo no primeiro boletín da xornada, mais no segundo xa non interveu.

Seijo naceu en Bilbao e pasou a súa infancia en Euskadi. Seguidor apaixonado do Athletic de Bilbao, como se recoñecía el mesmo en calquera conversa, chegou a ser presidente da peña luguesa deste equipo.

Décadas de traballo ligado ás ondas servíronlle para converterse nunha voz de referencia na cidade e arredores, que perdeu no principio do ano outro dos seus xornalistas radiofónicos máis coñecidos, Arcadio Silvosa.

Condolencias

Despois de transcender o seu falecemento, as redes sociais acumulan condolencias de compañeiros de traballo, dirixentes políticos e institucións e organizacións. Entre as condolencias, a Deputación de Lugo transmitiu o seu "agarimo e máis profundo afecto" a familiares, amigos e compañeiros do xornalista: "Hoxe foise unha voz que marcou a historia do xornalismo lucense. Unha gran persona e xornalista. Até sempre Pepe, que a terra che sexa leve, como ti dicías".

Tamén o ex ministro José Blanco lembra Seijo no seu perfil de Twitter: "Síntoo moitísimo. Bo profesional e mellor amigo". Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, traslada a súa tristeza pola noticia do falecemento de "a gran voz da radio" en Lugo, así como o deputado José Ramón Gómez Besteiro: Un histórico da radio e o faro matutino para moitos de nós. Grazas por tanto, Pepe!".

Na mesma liña manifestouse a parlamentaria do BNG Olalla Rodil: "En shock coa nova do falecemento de Pepe Seijo, xornalista de Radio Lugo. Un gran profesional que ademais sempre me tratou persoalmente con moitísimo cariño. Que perda tan grande! Unha aperta inmensa á súa familia e tamén ás e os compañeiros da SER".

E desde o Club Deportivo Lugo transmitiron o seu "profundo" pesar pola morte dun xornalista que "permanecerá na memoria de todos para sempre". O sindicato CCOO, aliás, enviou un comunicado ás redaccións galegas no que lamenta o falecemento do xornalista que foi delegado do sindicato durante máis de 20 anos.