Falece o xornalista Xavier Navaza Blanco

Xavier Navaza Blanco. (Foto: CRTVG)
Morreu esta segunda feira aos 76 anos.

Nado en Lalín en 1948, iniciou a súa carreira en Barcelona a comezos da década dos 70, tras estudar Enxeñaría Técnica Naval e Ciencias da Información.

Durante a Transición publicou reportaxes en revistas como Interviú, Actual ou La Calle. Após regresar a Galiza foi fundador e colaborador de Teima e correspondente na Galiza de El Periódico de Catalunya, Pueblo e Informaciones

Navaza Blanco foi nomeado xefe do gabinete de prensa da Xunta da Galiza no gabinete técnico da Consellaría de Presidencia en 1979, en cuxo posto permaneceu até o ano 1990. Un ano máis tarde foi nomeado subdirector de Diario de Pontevedra e puxo en marcha, con Luís Mariño, o programa cultural Etcétera na TVG (1991).

Xavier Navaza Blanco tamén foi parte da equipa de El Correo Gallego, onde traballou como corresponsal político durante máis dunha década, na recta final da súa carreira profesional.

Ademais, destacou como guionista, documentalista e escritor. Entre outras obras publicou Disparos (1991), Sumud. Conversa con Palestina (2003), La guillotina del centro (2005), La conjura de Raxoi (2007) e El último amante de Marilyn (2012).