Unha caída a nivel mundial de Microsoft provoca incidencias en bancos, aeroliñas e administracións

Sede de Microsoft na cidade alemá de Múnic. (Foto: Nós Diario)
O problema derivaría dunha actualización dun antivirus da compañía de ciberseguridade CrowdStrike.

Unha caída a nivel global do xigante informático Microsoft está a ocasionar esta sexta feira numerosos problemas en empresas de todo o mundo, entre elas aeroliñas e bancos. Nos Estados Unidos varias compañías aéreas notificaron os fallos detectados e empezaron a cancelar voos. E no Estado español xa informaron de que tamén se viron afectadas Aena, Repsol ou o servizo vasco de saúde. O problema derivaría dunha actualización dun antivirus da compañía de ciberseguridade CrowdStrike.

No caso de Aena, os seus sistemas comezaron a recuperarse pasadas as 10 horas, segundo informaron desde a propia compañía, que viu como se atrasaban varios voos. "Todos os aeroportos están operativos, pero algúns procesos operan máis lentamente. As compañías aéreas e aeroportos xestionados por outros operadores internacionais tamén están tentando recuperar os seus sistemas", precisaron a través de X.

Outra das compañías que reportaron incidencias foi a xestora de pagamentos en liña Bizum, que sinalou a través das redes sociais que a súa plataforma puido verse afectada "temporalmente" por esta caída de Microsoft. Porén, o seu servizo xa pode utilizarse de novo "con normalidade", aseguraron.

E no que atinxe ao sector da banca, a maioría das entidades do Estado español aseguran que non sufriron ningunha incidencia salientábel, a excepción de Unicaja, mais descartan que se trate dun problema xeneralizado.

Microsoft investiga o sucedido

Desde o xigante informático aseguraron estar xa a investigar o sucedido. "Somos conscientes dun problema que afecta os dispositivos Windows debido a unha actualización dunha plataforma de software de terceiros [en referencia a CrowdStrike]. Anticipamos que se chegará a unha resolución", indicaron fontes de Microsoft en declaracións á axencia Europa Press.

"Nin os grandes están a salvo"

Segundo explica Sancho Lerena, CEO da tecnolóxica española Pandora FMS, "Crowdstrike é un dos fabricantes de seguridade máis potentes do mundo" e esta caída reflicte que "nin os grandes especialistas están a salvo" de calquera posíbel colapso. "Un software de seguridade que se supón debe protexe os sistemas de ataques tomba o propio sistema", subliña o experto en ciberseguridade.

"A tecnoloxía, e especialmente o software, cada vez supoñen unha maior complexidade. Non se trata de elixir ao mellor provedor, trátase de entender que a máis tecnoloxía, máis probabilidade de fallo", prosegue Lerena.

O sistema Crowdstrike está destinado a reforzar a seguridade dos parques tecnolóxicos das principais empresas. No caso de Aena, explican desde Pandora FMS, cobra gran relevancia, "porque 25% dos ciberataques aos sectores estratéxicos están destinados ao transporte". A banca é o primeiro, subliñan, cunha porcentaxe superior.