Día contra a violencia machista

A falta de financiamento da Xunta afoga os centros de información á muller

A conselleira María José Lourenzá (segunda pola esquerda) na visita ao CIM de Soutomaior o pasado mes de agosto. (Foto: Europa Press).

A violencia de xénero continúa na Galiza en máximos, con máis de 4.500 denuncias no último ano. Malia o alcance do problema, a Administración galega reduce a contía das partidas dirixidas a activar políticas contra a violencia machista e protexer as vítimas. A cantidade recollida nos orzamentos de 2023 fica moi lonxe das demandas do movemento feminista e dos colectivos de mulleres.

O proxecto de Lei de orzamentos galegos para 2023 dedica 20,5 millóns de euros á loita contra a violencia de xénero. A cantidade representa 0,16% dos presupostos consolidados para o vindeiro ano, ficando moi lonxe das demandas do movemento feminista que reclama para este fin 1% do total das contas públicas.

A maiores, as partidas destinadas a igualdade redúcense en 186.000 euros en relación ao pasado ano, impactando esta rebaixa nos diversos programas da Xunta. A caída é aínda máis elevada en relación ao orzamento de 2009, o último elaborado polo Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG, cando os fondos de igualdade chegaron a 31,2 millóns.

Os centros de información á muller (CIM) son unha estrutura administrativa chave na loita contra a violencia de xénero e  nas políticas de apoio ás vítimas. A propia normativa da Xunta da Galiza fixa que “as actividades de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero, así como a atención ás mulleres vítimas desta violencia, serán prioritarias nos CIM.

Nestes casos a atención, ademais de ás mulleres vítimas de violencia de xénero, poderase estender ás fillas e fillos e ás persoas menores ou maiores dependentes delas”. Nesta dirección, determina como eixo básico da súa actuación “reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas en todos os ámbitos”.

A rede de CIM da Galiza arranca dos primeiros anos da década de 2000, está formada por 84 centros repartidos polo conxunto da xeografía galega, a súa titularidade é na totalidade dos casos  de carácter municipal e o seu financiamento procede da Xunta. Neste sentido, o Goberno galego destina a cada CIM, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de 45.000 euros para sufragar unha xornada completa e unha media xornada de dous perfís profesionais obrigatorios, unha xurista e unha psicóloga, para manter o centro aberto.

Nesa dirección, o movemento feminista vén denunciando nas últimas semanas que a subvención destinada pola Xunta a cada centro de información á muller é a mesma desde hai 13 anos.

A falta de axudas do Goberno galego pon en perigo a actividade dos centros de información á muller e resta eficacia aos seus servizos. Así en Vigo, unha avogada e unha psicóloga atenten a máis de 1.000 mulleres, non contando o centro da Coruña da  para atender  a 131.662 mulleres de persoal administrativo, orientadora laboral e axente de igualdade. Situacións, semellantes repítense noutras localidades galegas.

Asistencia psicolóxica para as vítimas

A Xunta da Galiza está obrigada desde 2007 a prestar atención psicolóxica ás vítimas da violencia de xénero na rede sanitaria pública. A este respecto, a  Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero estabelece a prestación deste servizo nos centros de Atención Primaria. Porén, as autoridades galegas incumpren a norma 14 anos despois, derivando as vítimas  a clínicas privadas, onde financia a cada unha delas 10 sesións. A planificación sanitaria do Goberno galego apunta a que esta situación se vai manter durante bastantes anos.