A falta de sangue obriga a adiar 30 cirurxías en 2 días

A Axencia de Doazón chama a doar sangue dos gupos A positivo O positivo (Foto: Nós Diario).
As reservas de sangue na Galiza están baixas. A xornadas festivas de primeiros de decembro minguaron as doazóns e obrigaron a botar man dunhas provisións que agora son insuficientes para garantir o labor asistencial dos centros sanitarios.

Os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo de forma axeitada a súa actividade asistencial, unha cota que non se alcanzou nos primeiros días de decembro por mor dos festivos e do cambio de rutina de moitas persoas doantes.

Dúas xornadas sen colecta de sangue [6 e 8 de decembro] e a escasa resposta da cidadanía ao chamamento preventivo realizado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nos días previos minguaron as reservas até o punto de afectar xa ao  funcionamento ordinario dos hospitais galegos.

O stock de sangue resentiuse no seu conxunto, pero a falta de reservas atinxe fundamentalmente dous grupos: o A positivo e, sobre todo, o O positivo. Ante a caída das doazóns son os primeiros prexudicados e canda eles, as persoas doentes destes grupos sanguíneos. En só dous días [13 e 14 de decembro] o Sergas viuse na obriga de adiar unha trintena de intervencións cirúrxicas non urxentes,  por falta de sangue, á espera de restabelecer as reservas dispoñíbeis.

Segundo explican desde a Consellaría de Sanidade a Nós Diario, as operacións suspendidas son cirurxías aprazábeis  que volverán programar "tan pronto como sexa posíbel".Esa reprogramación, aclara, "non afecta ao número final de cirurxías" xa que os hospitais galegos están a substituír cada intervención adiada "por outra que non teña necesidade de bolsas de sangue". 

Tradicionalmente, o mes de decembro é un dos máis complicados para facer aprovisionamento de sangue. Desde ADOS aseguran que a alta mobilidade da poboación coincidindo con datas festivas  "distrae" as persoas doantes da necesidade de doar sangue, por iso está a facer un chamamento xeneralizado á participación de toda a cidadanía na doazón, de forma especial, aos doantes dos grupos O positivo e A positivo. "É o garante da actividade dos hospitais no día a día".

Unha necesidade que salva vidas

A doazón, insisten, é un acto sinxelo e accesíbel que non require de moito tempo. Na Galiza pódese facer de segunda a feira a sábado tanto nas 10 unidades móbiles que se desprazan por todo o territorio como nos sete puntos fixos localizados nos hospitais de referencia das sete cidades principais.

De cada doazón obtéñense glóbulos vermellos, plasma e plaquetas que poden beneficiar até tres doentes, crónicos ou cirúrxicos. Unha operación pode requirir unha ou dúas bolsas de glóbulos vermellos, pero nalgúns accidentes de tráfico e nos transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan 20 ou 30 persoas. 

Segundo datos de 2021, a Galiza conta 39,5 persoas doantes por cada 1.000, moi perto das 40 que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). O ano pasado rexistráronse 106.287 doazóns, das que  99.665 foron de sangue e 6.622 aféreses, unha forma de doazón que permite separar os elementos necesarios e que restitúe o resto dos compoñentes á persoa doante . Con todo, din, non son suficientes.