Fame de soberanía alimentar

Combater a pobreza na Galiza pasa por garantir o acceso á terra produtiva [Imaxe: SG]
A Rede galega contra a pobreza leva tempo advertíndoo: nove de cada dez persoas viven en risco de pobreza. Na Galiza, garantir o acceso á terra é condición fulcral para deixarmos de vivir da caridade da agroindustria


"Na Galiza a pobreza ten máis a ver coa imposibilidade de pagar as subministracións que coa fame, porque estamos a vivir dos excedentes da agroindustria. Canto tempo aguantaremos así? Non o sei". Clara Raposo vive nunha aldea de Lugo e é socia da cooperativa A cova da terra. Voz recoñecíbel na defensa da soberanía alimentar —pulando polo sector primario da agricultura, a gandeiría e a pesca—, subliña que o camiño trazado co PP ao volante da Xunta deriva cara a unha situación en que até este dereito á autosuficiencia alimentar ficará contaminado, potenciando, "como xa se fixo", a plantación de eucaliptais ou abrindo para as madeireiras as cancelas do noso monte. Para falarmos das dificultades no acceso aos alimentos non cómpre pensarmos nunha comunidade indíxena de calquera país empobrecido alén mar. Ter que levar á boca é sinónimo de ter acceso á terra e, na Galiza, tal condición non está garantida.

Banco de terras: pór o ermo a producir
A pesar das agresións que na consellaría de Quintana se practicaron neste trienio, todos os programas electorais contemplan o compromiso de lle devolver a vida ao rural. Tamén o do PP. Di a formación conservadora que traballará para "diminuír as diferencias entre os prezos en orixe e os prezos en consumo", mais nada din de como o farán.

Xustamente ao redor dos prezos xira o conflito leiteiro: Galiza posúe o 50% das explotacións do estado e produce o 40% do leite, mais ten os prezos máis baixos. @s gandeir@s 'agradécenllo' a Feijóo e á filosofía aplicada nada máis pór un pé na Xunta: pechar as pequenas explotacións para que as grandes fosen rendíbeis e botar abaixo o banco de terras, unha ferramenta posta en marcha entre 2005 e 2009 —co BNG á fronte de Medio rural— que garantía que calquera puidese arrendar unha terra e que agora propoñen recuperar tanto o propio BNG como o PSOE.

Clara Raposo inclúese a si propia no grupo de persoas que viven no rural e non son labregas porque non teñen acceso a unha leira. "Quen se quere incorporar ao rural, ou quen marchou noutrora e volve agora, só pode acceder á terra por compra. Porén, a especulación fixo subir os prezos a niveis privativos, a prezo de mercado", explica, e arremete contra unhas políticas "que o que facían era inxectar cartos para que a xente marchase do rural".

Neste punto, lembra unha anécdota: a construción do corredor de Nadela a Monforte. "A vía rápida tivo moito bombo e volve telo agora, en plena campaña, apurando a inauguración dun novo tramo co obxectivo de captar o voto urbano". Fronte a isto, cortáronse comunicacións en poboacións xa asentadas e que vivían do agro, obrigándoas, para chegaren ás súas casas, a daren a volta por unha estrada "chea de fochancas e tan estreita que case non dá pasado o camión do leite". A infraestrutura, responsabilidade do PP, "tamén supón un ataque á soberanía alimentar, ao pór en risco unha zona produtiva onde a reposición xeracional estaba garantida", recalca Raposo.

Asentar a poboación no rural
Cal é a relación que existe entre a soberanía alimentar da Galiza e a fame? Gozar deste dereito reduce a dependencia que as familias teñen dos (super)mercados e, por tanto, os índices de pobreza. Aliás, marca a diferenza coa seguridade alimentar: ter que comer fronte a comer alimentos de calidade e saudábeis. "É paradoxal que a obesidade afecte especialmente á poboación con menos recursos", di a socia da Cova da terra.

Para alén do empeño en traballar polo rural do BNG, tamén AGE e CxG levaron aos seus programas electorais medidas para pular por esta forma de vida. Entrementres Compromiso falou dun "impulso decidido ás cadeas curtas de produción", Alternativa contemplou outro impulso: "á ordenación do territorio e á fixación de poboación". Clara Raposo quere deixar claro que "a poboación non asenta cun curso. Asenta con políticas de empoderamento, de prezos, medidas que lles fagan entender ás e aos labreg@s que o seu traballo se valora, que realmente importa". E conta outra anécdota: "Coñezo un mozo que deixou o emprego e veu para o rural. En dous mil metros cadrados puxo horta. Valorou o resultado e concluíu que non pagaba a pena, que gañaba máis na cidade e con moito menos esforzo".

Cantos de serea que trouxeron débedas
Hoxe en día unha cousa é clara: no rural galego non se pasa fame. Mais igual de claro é o paradoxo de que a uns quilómetros, nunha mesa de calquera familia da cidade, os alimentos veñan da outra punta do Atlántico. "Tamén na mesa dos labregos hai moito alimento de fóra, e hai quen vende o que produce, o leite, e compra bricks porque para o neto o da vaca é moi forte. Se queres saber como será o país mañá só tes que observar a xente moza". Quéixase Raposo da "destrución do padal, do gusto polo da casa".

Os datos da Rede galega contra a pobreza sinalan que nove de cada dez persoas vive en risco de ser pobre. Quen depende dun banco de alimentos non poderá pagar os recibos de luz ou de auga, mais ten tamén o acceso a comida saudábel como un privilexio imposíbel. "Hai conciencia sobre os transxénicos. Para min son máis perigosos outros produtos como ese leite desnatado ao que se lle inxecta o calcio nun laboratorio". Di Clara Raposo que "todo isto do que falamos é a esencia da Galiza", e rexeita o afán por desprestixiar o que é noso. "Pasou o mesmo coa nosa lingua".

NOTA: esta información foi publicada no semanario nº20 de Sermos Galiza