Familiares denuncian unha residencia privada da Estrada "por un brote de sarna sen control"

Detalle de como a sarna afecta unha das mans da nai da denunciante. (Foto: Nós Diario).
O propietario da residencia asegura que pagou un dermatólogo privado para diagnosticar e que puxo en marcha inmediatamente o protocolo de Sanidade.

A filla dunha usuaria da Residencia de Maiores Amboage na Estrada vén de denunciar o centro por un "brote de sarna sen control" que afectou tamén a súa nai. Olga Valcárcel, filla da afectada, levou finalmente o caso á Fiscalía do Penal, porque segundo explicou a Nós Diario o diagnóstico de sarna é do 30 de xullo "e xa levaba dous meses así" pero acusa a Dirección da residencia de que "empezaron a tomar medidas hai 15 días e non houbo nin unha inspección" de Sanidade nin Política Social.

Nós Diario falou tamén coa dirección desta residencia de maiores. O seu propietario explica que efectivamente teñen un brote de sarna no centro e que dende o primeiro momento do diagnóstico comunicou o caso a Epidemioloxía. "Mandáronnos un protocolo para actuar, desinfectamos, illamos os afectados e medicamos contra a sarna preventivamente a todos os residentes e ao persoal". Nesta residencia privada viven 110 maiores e están atendidos por 57 traballadoras, segundo informou o propietario.

Diagnóstico

En Amboage explican que a nai da denunciante foi "o primeiro caso", que comezou no pasado mes de abril cunhas manchas na pel que no centro de saúde diagnosticaron que "podía ser unha vasculite". Co paso do tempo o estado de saúde da muller ía empeorando. O propietario da residencia asegura que "estaba preocupado e decidín mandala a un dermatólogo privado á Esperanza, pagado pola propia empresa". Tampouco neste caso houbo diagnóstico concluínte: "Receitoulle un xabón".

Foi o pasado 30 de xullo no Hospital Gil Casares en Santiago cando, segundo explicou a filla a Nós Diario "a doutora tardou tres segundos en dar o diagnóstico da sarna". Olga Valcárcel asegura que neste tempo súa nai "acode a consultas con especialistas, das que a familia non recibe información até moito tempo despois e, posteriormente, a Urxencias do Hospital Clínico do que a doente volta sen ningún diagnóstico".

O diagnóstico definitivo poñía de manifesto a necesidade de que a usuaria permanecese illada e o centro puxese en marcha un protocolo de desinfección das instalacións. A denuncia da filla desta afectada asegura que "a doente segue illada pero as actuacións levadas a cabo pola residencia non serviron para nada". O propietario do centro recoñeceu a Nós Diario que hai varios residentes afectados por sarna e illados, aínda que non precisou o número de contaxios.

Fiscalía e Valedora

Os familiares puxeron o caso en coñecemento da Fiscalía do Xulgado do Penal de Santiago a través dun escrito remitido o pasado 20 de setembro de 2024. Nel sosteñen que as medidas tomadas pola Dirección do centro "foron insuficientes e ineficaces", e instan a Fiscalía a abrir unha investigación por un presunto delito contra a saúde pública e lesións. Dan a voz de alarma por que "este brote de sarna sen control pode supor un grave perigo para a saúde". E critican a pasividade do Servizo Galego de Saúde.

Aseguran que a "mala praxe" do Sergas e da dirección do centro "levou á paciente a un estado de saúde complexo" que cun diagnóstico inicial axeitado "teríase evitado". Tamén informaron da situación á Consellería de Política Social e elevaron unha queixa diante da Valedora do Pobo, de momento, a única institución que respondeu. A valedora abriu un expediente para reclamar información dos responsábeis de Política Social. Requírenlle que en 15 días lles fagan chegar información sobre o caso.