Familiares do Pitanxo parten "nerviosos e tristes" a Terranova, onde se instalará a última 'placa homenaxe'

Familiares antes de partir para Canadá (Foto: Europa Press)
A placa que se colocará en Terranova será a última que recollerá os 21 nomes dos falecidos no afundimento do 'Vila de Pitanxo'.

Familiares de vítimas do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', que naufragou en augas de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, partiron esta cuarta feira "nerviosos e tristes" cara ao país norteamericano, onde se instalará nos próximos días a última placa en homenaxe aos 21 falecidos na traxedia.

Así o trasladou aos medios de comunicación a portavoz das familias, María José de Pazo, quen indicou que farán parada en Toronto, para logo ir até Terranova.

"É unha viaxe triste, pero necesaria", subliñou, engadindo que tamén están "ilusionados" de que se homenaxee os falecidos en Canadá, "e a toda a xente do mar".

Con eles, tal como dixo, viaxa o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta da Galiza, Antonio Basanta, así como a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime.

A placa que se colocará en Terranova será a última que recollerá os 21 nomes dos falecidos no afundimento do 'Vila de Pitanxo'. Estes rótulos instaláronse en cada unha das localidades onde residían os mariñeiros do pesqueiro.

"Erro humano"

Familiares dos falecidos no naufraxio reclamaban o pasado mes de febreiro, ao se facer dous anos do afundimento do pesqueiro, ter "unha sentenza firme, en busca da verdade", que lles levará á "xustiza". "Ese día por fin poderán descansar en paz os 21", sinalou.