Familiares do Vila de Pitanxo non descartan emprender accións legais

Rolda de prensa dos familiares dos desaparecidos no Vila de Pitanxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Din que non hai "motivación técnica" para non proceder á busca dos corpos e afirman que contactaron con empresas privadas que poderían levar a cabo a operación e dispor dos medios en tres días.

Os familiares dos falecidos no afundimento do Vila de Pitanxo denunciaron este sábado que o Goberno estatal queira "dar 'carpetazo' a todo o referente ao barco" sen atender o "compromiso adquirido" de localizar e baixar ao pecio; motivo polo que non descartan emprender accións legais.

Nunha rolda de prensa ofrecida na biblioteca municipal de Marín, os familiares, encabezados por María José do Pazo, comunicaron aos medios a súa "profunda decepción" co Goberno e co presidente, Pedro Sánchez, "que se comprometeu a facer o posíbel e o imposíbel" para recuperar os corpos e localizar o buque.

"Un pouco de sensibilidade. Dinnos que isto rematou, dan 'carpetazo' e non hai máis reunións. Que Goberno temos?", preguntouse María José, que asegurou que "non se pode actuar así". "A Fiscalía dixo que podería tratarse dun homicidio imprudente. As familias cremos que isto merece outro trato, outro estudo e outro respecto. Perdemos familiares e nin tivemos tempo de levar duelo. A forma en que se nos está a tratar é de falta de humanidade", lamentou.

Os familiares anunciaron que solicitaron unha nova entrevista co titular do Executivo estatal e fixeron un novo chamamento á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "que non se puxo en contacto con ningunha familia". "É preciso falar, 21 traballadores do mar faleceron en circunstancias moi graves", sinala.

Os achegados dos falecidos queren que se lles explique, tal e como tamén recollen no comunicado, o motivo real de que non se vaia realizar ningunha acción máis, máis aló do informe técnico "sen data e sen asinar" que se lles facilitou na reunión decorrida o 24 de marzo na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. "Non sei que quere dicir que veña sen data e sen asinar. É que ninguén se quere facer responsábel desta decisión?", cuestionou a portavoz dos familiares.

Informe técnico

Este informe conclúe que "ao non poder recuperar os corpos dos doce desaparecidos, non paga a pena tecnicamente, nin baixar, nin localizar o Vila de Pitanxo". Entre os motivos esgrimidos no informe para non iniciar a procura, detallan a "imposibilidade" de intervir con mergulladores ou mediante un ROV no interior do buque.

Indican tamén que "non existen precedentes destas operacións" e que "unha operación deste calibre leva uns preparativos e un deseño de entre nove e doce meses", alén da petición de permisos e "a dificultade de estimar o custo económico". Así, comunican que "a falta de precedentes e as dificultades asociadas fan concluír que non existen garantías de ningún tipo de éxito da mesma".

Con todo, os familiares expresaron a súa "completa desconformidade" con este informe, que "pon de manifesto o desinterese das autoridades en buscar as causas do afundimento e pór así punto e final á traxedia marítima de España máis grande deste século".

"Non se pode afirmar que é inviábel se non se baixa. Ninguén pode afirmar se non se baixa como está o buque ou se hai corpos que se enredaron nos exteriores do barco", insisten. "Non aceptamos unha decisión unilateral e sen motivación técnica. Non imos renunciar ao noso lexítimo dereito como vítimas de pedir que se localice e se baixe, cun traballo fotográfico para recoñecer os arredores", defenden no comunicado.

Lamentan tamén que o delegado do Goberno, José Miñóns, non lles transmitiu aínda información precisa sobre a localización do barco, "algo sinxelo" para o que "simplemente habería que dotar un buque dun magnetómetro e un soar de varrido lateral".

Actuacións privadas

A respecto da posibilidade de que as accións as acometan empresas privadas, sinalan que "tampouco se informou de se as autoridades estabeleceron contacto" con este tipo de compañías, e indican que eles si o fixeron, confirmando que existen empresas europeas e españolas que "poderían levar a cabo a operación e dispor dos medios en tres días".

"Hoxe as viúvas e orfos do Pitanxo son aínda máis viúvas e orfos porque o son tamén do Goberno, que os deixou desamparados", lamentaron no comunicado, tras o cal María José insistiu en que "xa non é polos 21 falecidos do buque, senón por todos os mariñeiros de España; que saiban que se lles pasa, non lles vai a ocorrer o mesmo que a nós".

Por último, Do Pazo avanzou que convocarán unha nova concentración para o vindeiro sábado en Marín e que enviarán a todos os partidos unha moción que inste a continuar a procura do barco "para que se vote en todos os plenos dos concellos".

A portavoz comentou ademais que a armadora continúa sen contactar con eles e que, aínda que no funeral conxunto celebrado en Marín pensaba falar con Samuel, o sobrevivente que acudiu ao acto, "para preguntarlle que pasara", viu o home "tan esnaquizado e con tanto sufrimento, polos falecidos, polas familias e por todo o que viviu", que todos os familiares comprenderon que "hai que esperar".