Familiares dos 21 falecidos do 'Pitanxo' réndenlles homenaxe en Terranova

Familiares en San Xoán de Terranova en memoria dos falecidos no 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Europa Press)
"Foi unha experiencia máis que positiva e inesquecíbel", dixeron.

Familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo en febreiro de 2022 desprazáronse durante estes días a Canadá para render unha homenaxe con diversos actos como a celebración dunha misa e a inauguración dun memorial.

Este domingo desprazáronse até Cabo Spear. Alí, para honrar a memoria dos seus seres queridos, lanzaron, por cada un deles, unha rosa branca ao mar e, ao unísono, dixeron o nome dos falecidos.

As familias valoraron esta viaxe como "máis que positiva e inesquecíbel". "Son poucas as palabras que teño para describir as emocións e todo o que se envorcaron connosco aquí", sinalou a portavoz das familias, María José de Pazo.

Naufraxio do Pitanxo

Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, falecendo 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos iniciaron unha serie de accións para tratar de esclarecer os feitos, polo que sempre pediron que se baixase ao pecio para atopar probas do que puido ocorrer.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín —en calidade de imputado—, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao seren os únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén acudiron ante o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno, que investiga o ocorrido, directivos da armadora Grupo Nores, así como antigos mariñeiros do barco, entre outros.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a defendida por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado. Finalmente, hai un ano baixouse ao barco, elaborando un informe que apunta a Padín e a un erro seu como "causa máis probábel" do afundimento.