Familiares de vítimas do 'Pitanxo' celebran que a Audiencia Nacional descarte anular o informe pericial

Recreación do afundimento do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ciaim)
O documento apuntaba a un "erro humano" do capitán, Juan Padín, como "causa máis probábel" do sinistro.

Familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que afundiu en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá), valoraron esta sexta feira a decisión da Audiencia Nacional de descartar invalidar o informe pericial que apuntaba a un "erro humano" do capitán, Juan Padín, como "causa máis probábel" do sinistro.

Nun audio remitido aos medios de comunicación, a portavoz das familias, María José de Pazo, reivindicou a importancia dese documento, xa que recolle as gravacións realizadas polo robot que baixou ao pecio. Para ela, esas imaxes son "obxectivas e tanxíbeis", polo que son "moi importantes" á hora de determinar que ocorreu na madrugada daquel 15 de febreiro.

Ademais, aproveitou para lembrar que o recurso sobre a validez e a idoneidade deste informe foi interposto polo capitán e pola armadora do barco, Grupo Nores, unha vez coñecidas as conclusións do mesmo, a pesar de que a baixada ao buque fora meses antes.

Todo iso despois de que a sala do Penal da Audiencia Nacional descartase anular o devandito informe, desestimando así os recursos presentados pola defensa de Padín e de Nores. En concreto, estes solicitaran a nulidade dese informe ao pór en cuestión o labor dos peritos responsábeis do mesmo.

O naufraxio

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) o 15 de febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos iniciaron unha serie de accións para tratar de esclarecer os feitos, polo que sempre pediron que se baixase ao pecio para atopar probas do que puido ocorrer.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín —en calidade de imputado—, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao seren os únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén acudiron ante o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno, que investiga o ocorrido, directivos da armadora, Grupo Nores, así como antigos mariñeiros do barco, entre outros.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado. Finalmente, hai un ano baixouse ao barco, elaborando un informe que apunta cara a Padín e a un erro seu como "causa máis probábel" do afundimento.