Familias de Compostela denuncian o “incumprimento sistemático” do acordo de ratios asinado por Educación

Estudantes nunha aula de Educación Primaria. (Foto: Arxina)

“A Consellaría asinou un Acordo que só quere cumprir cando non implique aumento de gasto, que vén sendo moito peor que non asinar nada, porque creou unhas expectativas de mellora, absolutamente necesarias por outra parte, e agora encárgase de baleiralas de contido unilateralmente”, denuncia a Federación de Anpas Compostela nun comunicado.

O 17 de xaneiro de 2024 a Consellaría de Educación publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) un acordo sobre medidas que “melloran o funcionamento do sistema educativo”.

Este acordo centrouse da redución de ratios de alumnado para os anos vindeiros, unha vella reclamación de profesorado e familias que foi aplaudida na altura por Anpas de todo o país. E tamén na redución de horario lectivo para o profesorado, un aspecto que desde a as asociacións de nais e pais de alumnado entenden como “necesario para mellorar a atención ao alumnado e o sistema educativo xeral”.

Segundo denuncian desde a Federación de Anpas Compostela, entidade que representa familias de 28 centros de ensino público da comarca compostelá, a Consellaría de Educación está a incumprir sistematicamente a súa propia sinatura, “negándose a desdobrar cursos que, en aplicación do Acordo deberan ter ese tratamento”. Igualmente, afirman que se nega a desdobrar de cursos cando se trata de contabilizar o alumnado con discapacidades recoñecidas, a efectos de cómputo das ratios.

“En resumo, a Consellaría asinou un Acordo que só quere cumprir cando non implique aumento de gasto, que vén sendo moito peor que non asinar nada, porque creou unhas expectativas de mellora, absolutamente necesarias por outra parte, e agora encárgase de baleiralas de contido unilateralmente”, denuncia a federación nun comunicado.

Para o colectivo de nais e pais de alumnado da comarca de Compostela, non só a non aplicación do acordo de ratios é “absolutamente denunciábel”, senón que “a realidade é que estamos a comprobar co seu criterio de aplicación da redución de horas lectivas é un auténtico despropósito, porque, ao non contratar o novo persoal necesario que cubra as horas que o persoal actual ve xustamente reducidas, o número real de horas de persoal docente dispoñíbeis nun centro escolar vese enormemente diminuído”.

Esta diminución, afirman, “trae de seu a desatención do alumnado, moi nomeadamente aquel que precisa dunha atención específica de apoio educativo, nun contexto no que xa antes esa atención estaba claramente moi por baixo das necesidades reais”.

“Temos agora entón centros escolares que atenden peor ao alumnado que o necesita, e que tamén dispoñen de menos recursos para a correcta atención a necesidades puntuais, pero constantes, como poden ser as baixas do profesorado, que son cubertas por outras mestras do centro con horas dispoñíbeis, ou simplemente a organización de gardas e actividades exteriores”.

A Federación de Anpas Compostela entende que a Consellaría de Educación “ten a responsabilidade de que todo o alumnado reciba a resposta educativa acorde ás súas características, potencialidades e ritmos de aprendizaxe, como recolle a Lei”. Porén, a situación que prevén para o vindeiro curso escolar nos centros públicos da comarca de Compostela “fainos pensar que non botou ben as contas e que moitos deles non se van dotar do persoal que precisa. Xa sabemos da situación do CPI de Ventín (Ames) ou do CPI de Dices (Rois), pero seguro que serán moitos máis”, vaticinan.

A agarda que a Consellaría cumpra coa súa obriga e dote xa aos centros coas mestras e mestres e outros profesionais que se precisen, para garantir en todo o momento do novo curso escolar “a axeitada atención educativa á que todo o alumnado ten dereito, e non nos atopemos o 11 de setembro con que son as nenas e nenos do ensino público as que sufran as consecuencias de novos recortes educativos”.