Familias denuncian eivas na residencia de maiores de Celanova e esixen un encontro co padroado

Un operario co traxe de desinfeccion na Residencia San Carlos de Celanova (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Desde a plataforma REDE denuncian a falta dun servizo de enfermaría 24 horas ou a ausencia dunha zona de illamento para posíbeis casos da Covid-19.

Celanova tivo que facer fronte a un gromo da Covid-19 na primeira vaga da pandemia na Galiza que afectou a case todo o cadro de persoal e aos usuarios e usuarias. A Xunta decidiu trasladar unha parte ao centro integrado de Baños de Molgas. As familias comezaron a mobilizarse e a demandar mudanzas na xestión, que repetiron onte nun comunicado.

Hai mes e medio, o padroado do centro aceptou incorporar familias ao consello reitor. Desde REDE, a asociación galega de familias de usuarias e usuarios de residencias solicitan unha reunión co propio padroado para advertir dunha serie de eivas. Entre outras cuestións, resaltan que o centro continúa sen un servizo de enfermaría as 24 horas.

REDE ofrécese, a maiores, de intermediaria entre os grupos municipais e o padroado para que a subvención comprometida polos primeiros "se faga efectiva canto antes".

As forzas políticas con representación en Celanova acordaron en setembro achegar unha axuda de 72.000 euros, á vez que solicitaron que a Administración local contase con representación no padroado.

Alén da falta de persoal de enfermaría, desde REDE sinalan a ausencia dunha zona de illamento para posíbeis casos dubidosos de infección pola Covid-19 ou material de osíxeno en mal estado.

Tamén timbres arrancados da parede e suxeitos fóra do alcance de residentes dependentes que pasan moitas horas en soidade ou, nalgúns casos, sen posibilidade de beber auga.

A plataforma lamenta a falta dun programa de videochamadas ou a ausencia dunha canle estábel de información da residencia ás familias.

"Nos próximos días, REDE enviará unha carta ao Padroado da Residencia San Carlos para manter unha reunión", avanza.