Educación

Familias denuncian que lles queren cobrar o arranxo de portátiles usados no ensino público polo alumnado

Un alumno emprega un ordenador portátil no marco do programa E-Dixgal. (Foto: Nós Diario)
Os ordenadores foron usados no programa E-Dixgal.

Un total de 64.200 alumnos e alumnas de 630 centros da Galiza estudarán o vindeiro curso con libro electrónico no marco do programa E-Dixgal da Xunta, que arrincou en 2014 e no que o alumnado de diversos cursos de Primaria e ESO estudan cun ordenador portátil —entregado pola Administración— como ferramenta clave.

Familiares de estudantes de ESO dun instituto público de Pontevedra denunciaron a Nós Diario que están a recibir por parte dunha empresa "orzamentos de reparación" por danos sufridos nos ordenadores que empregaron os seus fillos e fillas e que devolveron ao centro ao remate do curso escolar.

"A verdade é que nos sorprendeu", confesa a este medio Roberto, pai que recibiu este orzamento da "concesionaria deste servizo". Explica que, após usar o portátil en 3º e 4º de ESO, o seu fillo procedeu a devolvelo ao instituto, "un aparato que non presentaba danos máis aló do lóxico deterioro polo uso".

Pouco despois, indica, recibiron un orzamento de "reparación de danos estéticos" pola concesionaria por 129 euros, "cando o prezo de segunda man deste ordenador anda nos 200". Informou da situación á dirección do centro, que lle recoñeceu que "non é un caso illado" e que varias familias recibiron este orzamento.

"Din que hai entre 15 e 20 que xa teñen claro que non van pagar". Recoñece este pai que no seu día "ofrecéronnos a posibilidade de contratar un seguro de danos para o ordenador, que non aceptamos ao considerar que ten que ser a propia empresa a que contrate un seguro colectivo" xa que é un centro do ensino público.

"Non pagas polo deterioro dun pupitre", indica. Este medio contactou coa Consellaría de Educación, que remitiu a responsabilidade a Ametga (Axencia para a Modernización Tecnolóxica). Ao feche de edición a Axencia non respondera á consulta realizada.