Familias e persoal denuncian usuarios con tuberculose en DomusVi en Compostela e acusan a Xunta de “desleixo”

Entrada da residencia de DomusVi San Lázaro, en Santiago, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Arxina)

O primeiro caso detectouse hai un mes e non se tomaron as medidas precisas, critican. Denuncian falta de persoal e cifran en torno a 40 os usuarios que deron positivo nos test que se están realizando.

Sobre 40 usuarias e usuarios da residencia de DomusVi no barrio compostelán de San Lázaro deron positivo en tuberculose, segundo apunta a Nós Diario Isabel Salgado, representante de CCOO neste centro. Unha situación, afirma, que se debe á “grave falla de persoal” na residencia desde hai tempo e á ausencia e “deixación” por parte da Consellaría de Política Social. “Levamos tempo e tempo denunciando que non hai persoal, non nos fan nin caso e agora pasa o que pasa”, indica.

CCOO denuncia que malia o primeiro caso detectarse hai un mes as probas ao persoal non se realizaron até esta sexta feira

Este “pasa o que pasa” é que agora hai, afirma, ao redor de 40 usuarios e usuarias con positivos en tuberculose. “O primeiro caso detectouse hai un mes”, afirma. Desde entón, porén, a situación empeorou considerabelmente. “Por aquí andan todos como se non pasase nada, deambulando por todos os sitios, é moi grave!”. As únicas medidas adoptadas, apunta, é a de “pór máscaras e medidas de hixiene, so estan illados dous”. Nesta residencia falaceron durante a pandemia 53 usuarios diagnosticadas con Covid, lembra Salgado.

Paulino Campos, portavoz de Rede, familiares de usuarias de residencias, denuncia a este medio que desde que se detectou o primeiro caso até o de agora “non se tomaron medidas, non se fixo o que se tiña que facer”, non se cumpriron os protocolos.

Na residencia de San Lázaro, apunta, non hai quenda de enfermaría as 24 horas, como é obrigatorio nas residencias con máis de 40 persoas dependentes. Neste centro o número de usuarios anda en 156. Paulino Campos recoñece unha “gran preocupación” nas familias e incide na falta de persoal. Algo que ratifica Salgado: “Había 8 enfermeiras e agora temos 1, o médico viña 8 horas e agora vén catro e onte [por esta sexta feira], non veu”.

"DomusVi está vulnerando a lei sistemáticamente e Política Social permitello", critica Campos. "As familias estamos fartas, estanos até os fuciños".

Segundo a representante de CCOO, o número pode ascender pois estase co cribado do persoal. Responsabiliza a Política Social da “grave” falta de persoal e as consecuencias que iso ten para as usuarias do centro, “que son persoas, non caixas nin móbeis”. Engade que a propia Xunta recoñece esa falla de enfermeiras, mais non toma medidas.

Salgado insiste en que a Xunta debe velar para que se cumpran as normas nas residencias, independentemente da titularidade destas. “Aquí na residencia non temos enfermeiras. Non as hai? Non, non as queren pagar, que é moi distinto”.

Falta de persoal que debe ser investigada, segundo o Concello de Santiago. Nun comunicado remitido a Galiciapress desde a Alcaldía, a Administración Local indica que "reclamamos á Xunta que axilice tanto a xestión sanitaria como a investigación para esclarecer o acontecido" na residencia.

Josefina Fernández Miguélez, fundadora de DomusVi, compañía do sector das residencias e a atención a persoas maiores, deixou a compañía o pasado 31 de marzo despois de 23 anos para emprender “unha etapa profesional”.

DomusVi viviu múltiples polémicas durante a pandemia da Covid-19. Esta empresa antes coñecida como Geriatros, foi albo de críticas pola súa xestión nos últimos tempos.

En novembro de 2020, Fernández compareceu no Parlamento galego na comisión non permanente especial pola crise a causa da Covid-19. Os representantes do Partido Popular non dubidaron en saír en defensa de Fernández Miguélez e da xestión da dirección de DomusVi durante a pandemia.