Fátima Nercellas, doutora do CHUS

"É a terceira vez que intentan abrirme un expediente e é unha clara represalia"

A doutora Nercellas foi convidada esta cuarta feira ao Parlamento polo BNG, que preguntou ao Goberno galego polo seu expediente (Foto: Arxina).
A deputada do BNG Iria Carreira preguntou no pleno do Parlamento desta cuarta feira ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, polo expediente de sanción aberto á doutora do CHUS Fátima Nercellas após atender dous pacientes nos corredores de Urxencias e pasalos á sala de observación, unha decisión que a médica vincula á súa actividade no sindicato Omega. Nercellas responde as preguntas de 'Nós Diario' a respecto desta polémica.

—Preguntado pola deputada Iria Carreira (BNG), o conselleiro evitou entrar a valorar o seu expediente e asegurou que as Urxencias do CHUS "non están colapsadas" e que hai "moito alarmismo" ao respecto.

De alarmismo, nada. Aínda que veñen de ampliar [o lugar de espera das Urxencias] con 40 espazos, segue a haber xente nos corredores. En menor número, mais seguen a atenderse urxencias nos corredores. Desde logo, este expediente é unha represalia contra a miña actividade sindical.

—Na súa intervención, Carreira lembrou tamén as sancións a Javier Castrillo (Hospital de Verín) e Eva Maquieira (Álvaro Cunqueiro, Vigo), dous doutores igual de críticos coa Administración. Cre que o Sergas 'persegue' as e os profesionais que denunciades as eivas no servizo?

Este é o terceiro intento de abrirme un expediente nos últimos quince anos de actividade sindical, e tamén o que máis lonxe chegou. Nos puntos que leva o expediente vese que é unha represalia. Non puideron facer nada coas miñas declaracións sindicais e quedaron co punto da 'desobediencia' a unhas instrucións básicas, unhas normas de funcionamento. Non desobedecín, porque [as normas] din que o paciente, antes de pasar a observación, será valorado por un facultativo nos espazos existentes para iso. Onde mo puxeron? No corredor. E aí o atendín. 

—Por que decidiu atender eses pacientes nos corredores aquel día?

Somos médicos e temos que atender os pacientes onde nolos poñan, iso vai inherente á condición de médico. A min sáltame a alerta no ordenador de que teño dous pacientes graves no corredor; todos imos atendelos alí e buscamos un sitio onde sexa, en observación, en críticos... Mais só me abriron a min o expediente, a pesar de que os meus compañeiros saen ao corredor a atender doentes, e deixárono claro na carta de apoio que asinaron. Eu non son unha heroina nin unha tola, todos facemos isto.

Só se presentaron en Urxencias dous directores cando comuniquei que falecera un paciente, e viñeron para intentar calarme

—Neste tempo apoiárona publicamente os seus compañeiros de servizo, a Asociación de Pacientes do CHUS e a propia sociedade en xeral coa recollida de máis de 5.000 sinaturas na súa defensa. Como valora os apoios recibidos?

É a única parte positiva de todo isto, ver o aprecio e o cariño de tanta xente. Eu nunca pensei que este expediente chegaría tan lonxe, e ver ese grande apoio axúdame moito psicoloxicamente. O bo é que a xente está informada, os pacientes saben o que hai e quen ten as culpas, e teñen follas de reclamacións ao seu dispor.

—Alén do citado expediente de sanción, recibiu algunha comunicación por parte dos seus 'superiores'?

Para nada. Só se presentaron en Urxencias dous directores cando comuniquei que falecera un paciente [cuestión que Nercellas denunciou ante a Fiscalía], e viñeron falar comigo para que non dixera nada, para intentar calarme. Finalmente concluíuse que non había responsabilidade penal porque non se pode concretar se esa hora que pasou no corredor foi determinante na súa morte.