O feche da rede de cobre de Telefónica ameaza con deixar sen conexión máis de 100.000 fogares galegos

AdobeStock_127606282
Miles de clientes fican pendentes de migrar a un sistema de fibra óptica ou radio enlace.

O feche paulatino anunciado por Telefónica das 8.526 centrais de cobre que hai en España, que se intensificará este mes coincidindo co centenario da compañía e se completará previsibelmente en maio do ano próximo, deixará sen servizo de liña fixa e ADSL máis de 100.000 fogares galegos.

Iso é o que se desprende dos datos publicados en marzo pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e o Instituto Nacional de Estatística (INE), que fixan en 104.100 o número de familias que contan actualmente na Galiza con servizos contratados de cobre e que quedarán en risco de illamento ao longo dos próximos meses no caso de non completar a migración a fibra óptica.

Telefónica puxo en marcha o proceso progresivo de feche da súa rede de cobre no ano 2014, cesando o uso dos accesos nas centrais de Torrelodones (Madrid) e San Cugat do Vallés (Barcelona), poñendo data límite ao funcionamento do resto de centrais e anunciando o despregamento dunha rede de fibra óptica (FTTH) chamada a dar cobertura en dez anos a todo o territorio estatal.

Data límite

A multinacional das telecomunicacións, que o próximo 19 de abril fará 100 anos de historia, estabeleceu de maneira simbólica o seu centenario como data límite para a migración dos seus clientes retallistas de cobre, inaugurando así a recta final dun proceso de apagamento completo que a compañía espera culminar antes do 27 de maio de 2025.

O feche, previsto para este ano, das máis de 600 centrais de cobre que continúan funcionando na Galiza podería afectar á conectividade –ben a través da liña de teléfono fixo ben a través da conexión ADSL a internet– máis de 104.000 fogares.

Segundo o operador terán que cambiar a unha oferta alternativa. A instalación será totalmente gratuíta e ademais poderán conservar o seu número de teléfono actual.

Fibra para case todos

Aínda que o obxectivo que persegue Telefónica co feche da rede de cobre é lograr a "cobertura total" do territorio a través do seu despregamento de fibra óptica, que proporciona maiores prestacións, consome 18 veces menos e reduce o impacto ambiental, a cobertura FTTH –'Fiber To The Home'– dista aínda de ser, especialmente nalgúns municipios rurais da Galiza, unha realidade ao alcance de todos.

Segundo os últimos datos dispoñibles publicados polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, de xuño de 2022, existían na Galiza 388.095 vivendas sen conexión mediante fibra óptica e cunha conexión a internet inferior aos 100 Gbps de velocidade. É dicir, só perto dun 70% dos fogares galegos contaban cunha cobertura de fibra adecuada.

Radio enlace

Ante o inminente fin da era de cobre a fibra óptica perfílase como a única opción posíbel, mais o risco de desconexión segue existindo en moitos núcleos rurais da Galiza, afectados pola dispersión territorial, o envellecemento da poboación, o illamento xeográfico e o rigor dunha orografía que encarece o despregamento de fibra óptica. Nestes casos a conexión por radio impúxose como a mellor alternativa para manterse conectado.

As conexións a internet por radio enlace Wifi, que levan a cabo mediante ondas de radio que facilitan a transferencia de información entre diferentes puntos, son de fácil instalación e proporcionan cobertura a zonas onde é difícil dar servizo con outras tecnoloxías.