A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra solidarízase coa oposición veciñal ao proxecto de Altri

Planta de celulose de Altri em Vila Velha de Rodão, Portugal. (Foto: Altri)
"O proxecto de macrocelulosa busca obter inxentes fondos públicos, por volta de 300 millóns de euros, para facer pasar por economía verde e descarbonizadora algo que non o é", denuncia a organización.

Desde a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (Fears) amosaron esta quinta feira a súa solidariedade coa Plataforma Ulloa Viva e todo o movemento veciñal en oposición á instalación da fábrica de Altri no municipio de Palas de Rei (A Ulloa).

"O proxecto de macrocelulosa busca obter inxentes fondos públicos, por volta de 300 millóns de euros, para facer pasar por economía verde e descarbonizadora algo que non o é, ameazando ecosistemas como o río Ulla e a ría de Arousa e pondo en risco o sector agrogandeiro (tan necesario) da comarca da Ulloa", denunciou o colectivo da Ribeira Sacra.

"Ameázanse especies protexidas e unha zona catalogada como Rede Natura. Asemade, a produción de fibra a partir de eucalipto afondaría no aumento da superficie desta especie invasora no interior galego, ademais dos riscos na saúde das persoas que provoca esta actividade", proseguiu a federación.

"Especulación"

"Como territorio que vivimos, tamén, a ameaza de especulación dos nosos recursos por parte de grandes complexos industriais, reivindicamos a necesidade de plans económicos nas nosas zonas que teñan en conta a sustentabilidade ambiental e a xeración de riqueza entre a poboación", engadiu esta organización.

"As Administracións deberan apostar por investir os 250 millóns de euros de Fondos Next Generation que reclama o proxecto de Altri para ser viábel en actividades económicas na zona interior galega que sexan medioambiental e socialmente viábeis, centrándose no necesario desenvolvemento da agrogandaría sostíbel nun contexto de necesidade de soberanía alimentaria", concluíron desde a Fears.