A Fegamp urxe a Xunta a atallar a problemática da praga de moscas, que xa afecta unha vintena de concellos

A praga afecta xa unha vintena de concellos, segundo a Fegamp (foto: NovaHigiene)

Para a Federación Galega de Municipios e Provincias debería tomarse como referencia o procedemento seguido no caso da velutina

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) considera necesario axilizar a atención da Goberno da Xunta da Galiza sobre a praga de moscas que están a padecer unha vintena de concellos afectados. Este requirimento debería ser atendido dende os ámbitos competentes en medio rural, medio ambiente, sanidade e Administración local do Goberno da Xunta.

Desde a Fegamp urxen a Xunta a que aborde de modo coordinado cos concellos afectados a actuación sobre esta praga que xa se alonga no tempo “e que agora está a agudizarse, como están a denunciar dende estes concellos”.

Para a Federación xa é hora de que a Xunta interveña sobre este asunto, tomando como referencia o proceso seguido no caso da velutina, no que despois de realizarse varias xuntanzas dende o Goberno da Xunta cos concellos concretáronse estratexias e iniciativas que paliaron a situación, así como mecanismos de coordinación e seguimento que están dando bos resultados.

“Por iso é urxente que se axilice a resposta coordinada dende a Xunta de Galicia, toda vez que dende a Fegamp se solicitara unha xuntanza sobre este asunto á Xunta perto do Nadal pasado, despois de ter varias xuntanzas cos concellos afectados”.

Esa xuntanza solicitada á Xunta por fin se mantivo o pasado 23 de abril. E acordouse que a Fegamp achegaría os resultados das consultas realizadas sobre os concellos, os informes dos concellos sobre a proliferación das moscas e o informe da Universidade de Vigo sobre a situación da praga en Tomiño, e ao mesmo tempo se xestionaría poder ter a xuntanza cos ámbitos competentes en medio rural, medio ambiente, sanidade e administración local do goberno da Xunta na que participarían os concellos afectados e a Federación.

“Toda vez que por parte da Fegamp e dos concellos afectados se cumpriu co acordado, resta que dende a Xunta se convoque con urxencia a xuntanza ante a gravidade da situación da praga das moscas neses concellos”.