Feijóo di que “nunca houbo tantos medios en outubro” e culpa o “terrorismo incendiario”

[Imaxe: Xunta de Galiza]

O presidente da Xunta compareceu após o consello de goberno extraordinario. Anuncia 3 días de loito oficial.

O presidente da Xunta mantivo na súa comparecencia após o consello de goberno extraordinario que estamos perante un “terrorismo incendiario” que nos “ataca indiscriminadamente”. Os incendios que arrasan miles de hectáreas en Galiza e xa mataron catro persoas son froito de “terroristas”. Nin a máis mínima autocrítica de Núñez Feijóo en relación dispositivo, medios ou política forestal. Quizás non sexa o día mais todo aponta a que ese día non o será nunca.

 

“Nunca houbo tantos medios en outubro, o duplo do normal”, manifestou o mandatario galego. Mais tampouco houbo nunca un outubro tan seco e con temperaturas tan altas. E malia as advertencias de, entre outros, os propios profesionais de combater o lume, a Xunta decidiu despedir 436 brigadistas hai dúas semanas.

 

“Galiza está farta de incendiarios”, proseguiu, ao tempo que agradecía a “milleiros de heroes anónimos” o combate contra as lapas e anunciaba tres días de loito polo falecemento de catro persoas polos incendios. O recurso ao “terrorismo” foi constante na súa intervención: “Estamos loitando contra os terroristas incendiarios”, reiterou e afirmou que “os criminais pagarán polos seus actos”.