A Xunta vincula as obras do novo hospital de Ourense á privatización de servizos básicos

Feijóo presentou o 17 de maio de 2012 o proxecto Hospital 2050 [Imaxe de arquivo]

O PP prometeu a licitación das obras en plena campaña e dixo que sairían a concurso "nos vindeiros días". O Complexo hospitalario ourensán non recibiu investimento ningún do Goberno conservador en tres anos e medio que durou a anterior lexislatura, agravando o deterioro que sofren as súas instalacións


O modelo de licitación escollido pola Xunta para a contrución do edificio de hospitalización do Complexo universitario de Ourense, CHOU, vincula o proceso coa privatización de servizos básicos. 

Así o denunciou a plataforma SOS Sanidade Pública na cidade das Burgas, colectivo que sostén que o proxecto "periga" porque, segundo as exixencias da consellaría que dirixe Rocío Mosquera, "ten que haber primeiro unha empresa ou grupo de empresas que asuman a contratación da xestión integral de espazos".

Recentemente licitadas unhas obras que Feijóo comprometeu na campaña electoral

A licitación das obras, que foi publicada no DOG o 19 de marzo, fica supeditada a que a empresa privada asuma as labores de mantemento, seguranza, limpeza ou subministro eléctrico no CHOU, o que implica a privatización anticipada de moitos servizos básicos que a un hospital lle cómpren para funcionar. O voceiro da plataforma en Ourense, Luís Álvarez, recordou que "de pouco nos vale un hospital tecnoloxicamente punteiro se a sanidade deixa de ser universal e se limita a atención sanitaria".

A Xunta sacou a concurso a Xestión Integral de Espazos nas semanas previas á publicación no DOG, por un valor de 150 millóns de euros a repartir en dez anos. A xuízo de SOS Sanidade pública, esta condición previa confirma "a aposta privatizadora do Goberno de Feijóo" e suporá introducir "pola porta de atrás" un modelo de financiamento público/privado na construción do hospital que "reducirá calidade sanitaria e suprimirá postos de traballo". En consecuencia, o colectivo rexeita este modelo "porque é máis caro e porque pon en risco a calidade das prestacións e a saúde das persoas".

Nin un euro para o Hospital de Ourense en tres anos e medio de goberno do PP

Para alén de todo o sinalado, no DOG sinálase, así mesmo, que a empresa adxudicataria do concurso de xestión de servizos terá que financiar parte das obras do plan director a cambio de lle facer concesións de servizos como o aparcadoiro, a cafetería ou locais comerciais no novo hospital. Botando contas, di a plataforma cidadá que o proxecto non estará rematado até finais desta lexislatura, máis de oito anos despois de que o mesmo Goberno, o de Feijóo, paralizase en 2009 unhas obras que xa estaban en marcha. Aliás, a Xunta do PP demorou tamén sine die os centros de saúde de Barbadás e dos barrios do Couto e do Vinteún.

O 20 de setembro de 2012, en plena campaña electoral, Feijóo anunciou que "nos vindeiros días" sairía a concurso a licitación das obras aproveitando que no Consello da Xunta se dera o visto e prace a un mero trámite burocrático para prolongar unha inversión para prolongar unha inversión máis aló do periodo orzamentario dun ano e por un máximo de catro exercicios. Foi o primeiro paso nun proxecto, o do Hospital 2050, polo que o presidente da Xunta non moveu un dedo en tres anos e medio que durou a primeira lexislatura. A falta de investimentos agravou e acelerou o deterioro que sofren as instalacións do Complexo hospitalario ourensán.