A Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, prepárase para a súa 30ª edición

A Feira do Viño de Vilachá terá lugar do 5 ao 7 de maio (Foto: Turismo Ribeira Sacra).
Suspendida durante dous anos por mor da pandemia da Covid-19, a Feira do Viño de Vilachá voltou o ano pasado incorporando novidades como a votación popular, a votación do xurado profesional, actividades complementarias ás degustacións de viño ou a presenza doutras adegas da Ribeira Sacra que posúen viñas nas ribeiras de Vilachá.

Tres décadas. Esa é a idade que a Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, se dispón a facer a vindeira fin de semana do 5 ao 7 de maio. Unha cita ineludíbel para as persoas amantes do viño nunha contorna verdadeiramente envexábel.

Se algo distingue a Feira do Viño de Vilachá do resto de feiras do viño da Ribeira Sacra é o seu formato e o marco incomparábel onde se celebra, as centenarias Adegas de Vilachá.

Outra das particularidades desta celebración é o carácter familiar que adquire, sendo os propios colleiteiros e as pequenas adegas da zona as que ofrecen a degustar os caldos que elaboran.

Novidades

Suspendida durante dous anos por mor da pandemia da Covid-19, a Feira do Viño de Vilachá voltou o ano pasado incorporando novidades como a votación popular, a votación do xurado profesional, actividades complementarias ás degustacións de viño ou a presenza doutras adegas da Ribeira Sacra que posúen viñas nas ribeiras de Vilachá.

As festividades comezarán xa a sexta feira 5 de maio ás 20 horas cunha cata itinerante comentada e ás 22 horas haberá un posto de callos na Adega Pedro. A animación musical da xornada estará a cargo de Habelas Hainas.

Xa o sábado, ao longo de toda a xornada, animación musical a cargo dos grupos de Cantos de Taberna: Son do Mao, Dakidoasma, Vos Parrandas, Foliada de Bosende, Ou Recanto, Estoupafoles, Skachakunchas e A Desfeita. Ás 12.30 horas cata con Juanjo Figueroa e Xosé Gago.

Finalmente na xornada do domingo ás 13 horas abrirán a xornada as Bincadeiras da Guimaralia e a Escola Municipal de Música, e o gaiteiro asturiano Brais Rodrigo dará lectura ao pregón da festa.

Ao longo de toda a xornada, a animación musical correrá a cargo dos grupos Corenta e Chinco, Vos Galochas, D'Cuncas, Comando Sandeiro e Brindeiras da Guimaralia. Ás 19 horas terá lugar a cata-concurso do circuíto de adegueiros.

Sen dúbida, unha grande opción para desgustar o mellor viño da Ribeira Sacra nunha zona do país realmente privilexiada, a irredutíbel Guimaralia.