A Feira do Viño de Vilachá pon en valor a viticultura tradicional do Brollón

Restauración de adegas medievais na parroquia de Vilachá, na Pobra do Brollón (Foto: Nós Diario).
A parroquia de Vilachá de Salvadur na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) acolle desde hoxe,  3 de maio, ao domingo, 5 de maio, a XXXI edición da súa Feira do Viño. Trátase dun evento singular dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que usa coma escenario o conxunto de adegas medievais da Abelaira, as máis antigas da Galiza e de todo Estado, e prima a tradición e a artesanía dos colleiteiros fronte ao carácter máis profesionalizado e comercial das adegas.

O microclima, a calidade do solo e mais a orientación das vides fan da uva desta zona un produto de "calidade extraordinaria", que xa ten dado "algún dos mellores tintos da Galiza", segundo explica en conversa con Nós Diario o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda.

Esta feira é o escaparate no que comparten protagonismo "a etnografía, a paisaxe e a tradición", afirma o rexedor nacionalista, un evento "diferente" ao resto de feiras dos viños da Ribeira Sacra. "Nós somos os pequenos” dentro da viticultura da zona, "mantemos a viticultura tradicional fronte á comercial", afirma, e o resultado é "un viño elaborado da forma máis artesanal e extraordinaria, feito por colleiteiros" e fóra do circuíto de comercialización. Por iso, a XXXI Feira do Viño de Vilachá organiza dous circuítos, un de colleiteiros, que amosa a tradición e a certificación do seu produto e que este ano contará coa participación de 10 colleiteiros locais. E outro circuíto de adegas, cun total de sete participantes na edición deste ano. 

A calidade dos viños 

O presidente da Asociación Galega de Sumilleres (Agasu), Juanjo Figueroa, é este ano pregoeiro da festa en Vilachá. En declaracións a Nós Diario destaca que os da zona son "viños de moitísima calidade" e enxalza a figura dos colleiteiros de Vilachá como contrapunto entre os viños comercializados na zona para a DO Ribeira Sacra e "os viños de quilómetro cero", algo que considera "a cultura que hai na Galiza de facer viño para a casa e que en ningún caso son inimigos das denominacións de orixe". Figueroa fai para Nós Diario a súa "contraetiqueta" particular para estes viños, que diría: "Este viño está feito nunha das ribeiras máis fermosas do mundo, polo traballo de mulleres e homes que ano tras ano arriscan a súa produción para poder facer este líquido marabilloso que é nexo de unión entre amigos, amigas e mesmo amantes".

A aposta nos furanchos

A importancia dos colleiteiros na Pobra do Brollón está a ser aproveitada para pór en marcha iniciativas que poñan en valor a tradición da zona. Un dos modelos de desenvolvemento desta parte da economía local está a ser o dos furanchos, A Pobra do Brollón xa conta cun destes estabelecementos (e hai outro en Monforte de Lemos) "como unha nova fórmula para comercializar o viño, xerando emprego e riqueza e ademais asentan poboación no territorio", asegura o alcalde.

Colleiteiros e adegas

Desde A Pobra de Brollón tentan darlle un enfoque distinto á súa feira do viño, saben que son "os pequenos" da Ribeira Sacra, pero tamén defenden dende os colleiteiros ás adegas que "temos as condición idóneas para termos uns viños de calidade extraordinaria". 

O alcalde explica a Nós Diario que "ás veces critícanos porque os viños colleiteiros vaian sen etiqueta", pero asegura que os controis están garantidos e que a produción da zona "é maioritariamente para consumo propio, neste concello acostumamos a comer con viño".

O Brollón ten, segundo o Instituto Galego de Estatística, 1.565 habitantes. O ano pasado a feira tivo, segundo os organizadores "unha acollida espectacular" e o mesmo agardan para este ano, unha cita que pola súa singularidade ten gañado o seu oco propio entre os veciños e as veciñas da contorna e moitos amantes do viño e visitantes desde outros puntos da Galiza. "Non somos unha feira ao uso se falamos de transaccións comerciais", explica Maceda, pero o sector en Vilachá ten claro que "cada ano hai máis adegas que veñen mercar as nosas uvas".

Nesta edición haberá dez colleiteiros: Al-De, Aridas, Beatus Ille, Couso, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, Outeiro, Os Conventos e Pedro. E participarán no outro circuíto sete adegas: Acivro, Adega Vella, Bico de Lagar, Adega Curuxo, Adega Sernande, Tolo do Xisto e Val do Frade.