Feixoo dita que a Galiza teña unha ABAU común coas outras 11 comunidades gobernadas polo PP

Conselleiros e presidentes de comunidadfes do PP no acto de sinatura do acordo sobre a ABAU (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente galego cualifica de "lóxica" unha selectividade única.

As competencias en educación da Xunta da Galiza semella que esta segunda feira eran titularidade de Alberto Núñez Feixoo, ex presidente galego e actual líder do PP español. El foi quen, xa fóra da Presidencia de San Caetano e actuando como xefe da oposición no Congreso, anunciou en xaneiro que as autonomías gobernadas polo PP, entre elas a Galiza, ían ter unha ABAU común. E el foi tamén quen esta segunda feira, como líder do PP español, presidiu o acto no que os Gobernos desas 12 autonomías 'populares', asinaban o acordo para en 2025 realizar a mesma ABAU. 

Segundo explicou Feixoo, os estudantes terán acceso a unhas probas con mesmos contidos avaliábeis, mesmos criterios de corrección ou mesmo tipo de exercicios e número de preguntas en todas as materias comúns. Tamén terán os mesmos criterios de puntuación por faltas de ortografía, o mesmo calendario para a realización das probas e para a publicación das notas ou o mesmo número de opcións entre as que elixir tanto para cada exame como para as preguntas concretas de cada proba –impedindo, por exemplo, que algúns estudantes teñan catro opcións de temática a elixir e outros, só tres—. 

Feixoo recalcou que con esta ABAU común o PP defende a "igualdade" e a "equidade" dos "españois" e que son "o único partido de Estado en España". "Hai un modelo de igualdade entre españois, quen queira rompelos vai en contra das nosas institucións e dos intereses da nosa nación", aseverou Feixoo. No acto no que se asinou como vai ser a ABAU na Galiza a partir do vindeiro curso etamén tomaron a palabra, entre outros, Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid; e Fernández Mañueco, de Castela e León. 

A vicesecretaria de Sanidade e Educación do PP, Ester Muñoz, asegurou que este pacto educativo evidencia que "por primeira vez a descentralización non serve para diferenciar e dividir, senón para conseguir unha España máis xusta".

Román Rodríguez e Alfonso Rueda

O representante da Galiza nese acto, Román Rodríguez, conselleiro de Educación, aplaudiu e gabou o acordo asinado. "Estamos facendo o que non fai o Goberno de Pedro Sánchez no que se refire a xerar un marco de igualdade de oportunidades para todos os estudantes”, asegurou. “Na proba garántense as características específicas da Galiza como é a nosa lingua propia”, afirmou a seguir. 

Tamén Alfonso Rueda, após a reunión do Consello da Xunta e a preguntas da prensa, defendeu unha ABAU común para as comunidades nas que goberna o Partido Popular. 

Considera o presidente galego que "o lóxico" é que haxa unha "proba única no seu contido global" para a selectividade e, a respecto en concrteto da lingua galega, asegurou que "agardo que se entenda que hai peculiaridades que deben de ser respectadas".