Feixoo formaliza esta cuarta feira a súa candidatura para presidir o PP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presidirá a Xunta "a distancia" (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Rueda asumirá o mando durante a súa 'xira' polo Estado español e afirma que Feixoo manterá "contacto telefónico" para estar ao tanto das resolucións do Consello da Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, formalizará esta cuarta feira contra as 17 horas, na sede do partido en Madrid, a súa candidatura para presidir a formación a nivel estatal cun amplo respaldo, xa que máis de 35.000 cargos e afiliados de todo o Estado español déronlle o aval para dar este paso.

Este 9 de marzo ás 20 horas acaba o prazo para que as persoas aspirantes a presidir o PP rexistren cadansúa candidatura. Os Estatutos do PP estabelecen que as e os candidatos deben contar co apoio de, cando menos, un cento de afiliados e afiliadas, unha cifra que vai superar con folgura Feixoo.

Na quinta feira, o Comité Organizador do congreso extraordinario dos días 1 e 2 de abril, que preside o valenciano Esteban González Pons, dará a coñecer se hai unha ou máis candidaturas. Polo de agora, alén de Feixoo, só unha valenciana de Gandía, Alexia Herranz, anunciou a pasada semana que presentaría tamén a súa candidatura para optar a "converterse na primeira muller transexual presidenta do Partido Popular en España".

Núñez Feixoo solicitou avais no PP de todo o Estado, sendo Andalucía o territorio no que logrou máis apoios. O pasado domingo, o presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, xa apuntara que os máis de 17.000 avais das e dos populares andaluces recollidos até entón supoñen "un respaldo maioritario" das bases para que sexa "o próximo presidente de España".

"Feixoo é o mellor liderado que pode ter o PP nesta nova etapa", proclamou. Na Galiza, o aínda presidente da Xunta obtivo un total de 5.679 avais, en especial nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, entre os que se inclúen as sinaturas dos presidentes provinciais e principais cargos vencellados á formación conservadora nas distintas institucións e cámaras de representación.

O presidente da Xunta tamén contou cun amplo respaldo noutros territorios, como Castela e León ou Murcia, onde esta segunda feira xa tiñan contabilizados 4.500 e 4.104 avais, respectivamente. O PP estremeño ha recollido 2.100 avais en apoio á candidatura de Feixoo, e unha cifra semellante logrou no PP de Canarias. Pola súa parte, os populares cataláns brindáronlle 1.264 avais.

Dado que aínda se descoñece o número de avais que logrou noutros territorios, esa cifra superará os 35.000 con toda seguridade. Con todo, fontes da contorna de Feixoo consultadas por Europa Press subliñan que "non importa tanto o número como a ilusión" que "evidencia" o nutrido número de firmas recibido. "Hai unha corrente para reilusionar o partido", engadiron.

Feixoo presidirá a Xunta a distancia

Unha vez formalizada a candidatura, Feixoo arrincará esta sexta feira a súa campaña interna por toda España para explicar ás persoas afiliadas o seu proxecto político "pensado en ofrecer unha alternativa de goberno" a Pedro Sánchez. Nese roteiro fará parada nos 17 territorios do Estado.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asumirá as funcións da presidencia do Goberno galego. Porén, asegurou que Feixoo manterá "contacto telefónico" para coñecer as resolucións das reunións do Consello da Xunta. Asemade, sinalou que o resto de conselleiros que quedan na Galiza seguirán a traballar "con normalidade".