O feminismo comeza a abrir camiño na normativa municipal
Unanimidade de voces femininas no pleno e unanimidade no sentido da votación convertían o 3 de outubro A Coruña na primeira das cidades da Galiza en contar cunha ordenanza que regula a igualdade na diversidade. É esta unha ferramenta normativa impulsada polo anterior Goberno municipal e que bota a andar neste mandato co obxectivo de fixar os mecanismos que promovan a igualdade e o respecto polas diversidades no ámbito local; tamén, de eliminar toda forma de discriminación e desigualdade que incida sobre as mulleres e, en xeral, sobre as persoas polas súas diversidades, sexan estas funcionais, de procedencia ou orixe étnica, raciais, culturais ou de tipo afectivo-sexual. Converter, ao cabo, a igualdade e a loita contra as violencias machistas nunha obriga, e non xa unha opción ou unha intención, para os sucesivos Gobernos municipais.
Atención á diversidade
“Un dos nosos obxectivos foi enfocar a ordenanza cara á igualdade na diversidade e incluír conceptos que poidan consolidar accións que xa se estaban a facer na Coruña, como a Escola de Empoderamento Feminista”, expón en declaracións a Sermos Galiza Rocío Fraga, quen era a concelleira de Igualdade e Diversidade durante a elaboración e tramitación da ordenanza, no goberno da Marea Atlántica. Como remarca, a ordenanza é o resultado da evolución das políticas de igualdade de todo un mandato, desde a avaliación do Plan de Igualdade existente e elaboración do seguinte á creación dunha instrución de transversalidade de xénero, até chegar a ela. “A ordenanza non é un punto final”, razoa a responsábel do texto, do que salienta a súa condición normativa e, polo tanto, de obrigado cumprimento, pero tamén esa vocación de “abrir camiño a través de novos conceptos e de novos xeitos de facer”.
Silvia Cameán, concelleira na oposición pola mesma formación, concorda: “A igualdade debe ter a máxima atención e recoñecemento por parte das administracións públicas, xa que unha sociedade que pretenda ser avanzada debe contemplar obrigatoriamente o feminismo. A nós, as mulleres, a pesar de tantas incansábeis loitas e conquistas do movemento feminista, aínda nos falta moito por avanzar. Somos nós as que cobramos uns salarios inferiores que os homes, as que facemos triplas xornadas, as que temos máis dificultade para acceder a altos cargos e a espazos de decisión, as que somos violentadas física e psicoloxicamente, as que volvemos pola noite con medo a casa, as asasinadas”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]