O feminismo mobilízase o domingo na Mariña

Integrantes de Mulleres en Igualdade, Bumei, de Burela

Mulleres en Igualdade, Bumei, de Burela, convoca a veciñanza da Mariña a mobilizarse o domingo 4 de abril para rexeitar o arquivo da denuncia pola gravación de imaxes de mulleres mexando nunha rúa de San Cibrao, en Cervo, durante a celebración da Maruxaina de 2019 e que posteriormente subiron a unha páxina web de contidos pornográficos. 

A veciñanza da Mariña está chamada a mobilizarse o domingo 4 de abril para rexeitar o arquivo da denuncia pola gravación de imaxes de mulleres mexando nunha rúa de San Cibrao, en Cervo, durante a celebración da Maruxaina de 2019 e que posteriormente subiron a unha páxina web de contidos pornográficos. 

A mobilización convócase a após a decisión do xulgado de instrución número 1 de Viveiro de sobreser de maneira provisional a denuncia presentada pola asociación Mulleres en Igualdade, Bumei, de Burela, tras divulgar as imaxes das mulleres mexando. A resolución non é firme e cabe recurso contra a mesma, tanto de reforma como de apelación, que desde a asociación xa anuncian que teñen intención de presentar. 

As gravacións tomáronse sen consentimento das afectadas, na súa maioría mozas novas que participaban na festa. Ocorreu nunha rúa apartada, aínda que se trata dun lugar público, segundo lembra o auto xudicial, "na que podían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase", razón pola que o maxistrado considera que isto non supón ningún ataque nin vulneración da intimidade no sentido estabelecido pola lexislación.

O arquivo da denuncia xerou un gran malestar, tanto entre as afectadas como na sociedade, pois non tiveron constancia de estar a ser gravadas mentres facían as súas necesidades. Segundo a entidade denunciante, estímase que hai un cento de mulleres afectadas, algunhas menores, aínda que só puideron identificar 80. Neste sentido, destacan que “moitas están a necesitar apoio psicolóxico” e reiteran que “se trata dunha agresión que directa ou indirectamente sufrimos todas”.