Ferida grave unha moza no Saviñao tras caer o vehículo no que viaxaba por unha pendente de 50 metros

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
Aínda que todos os ocupantes do turismo, catro, saíron polos seus propios medios, non todos puideron chegar á vía polo seu propio pé e foi precisa a intervención dos Bombeiros.

Unha moza resultou gravemente ferida no Saviñao (Terra de Lemos) tras caer o vehículo no que viaxaba por un barranco, aproximadamente 50 metros, segundo informa esta cuarta feira a central de emerxencias do 112-Galiza no seu parte de incidencias. A muller está hospitalizada no HULA de Lugo con prognóstico reservado.

O accidente produciuse na estrada LUP-5819 ao seu paso por Praia da Cova e a persoa ferida, segundo precisaron fontes do parque de Bombeiros de Chantada en declaracións á axencia Europa Press, era unha das que ía na parte de atrás do vehículo, que conducía outra muller.

O coche deu varias voltas de campá, pero quedou entre árbores e a persoa ferida grave non estaba atrapada por ningún elemento metálico, aínda que si se requiriu o uso de materiais especifícos ao non poder saír por si mesma e dadas as súas feridas.

Por iso, tivo que se rescatada polos Bombeiros de Chantada utilizando maquinaria especializada para levantala nunha padiola. Ademais, tivo que ser entubada debido ás lesións que presentaba.

Aínda que todos os ocupantes do turismo saíron polos seus propios medios, non todos puideron chegar á vía nas mesmas condicións. Por iso, ademais dos voluntarios de Protección Civil local, tiveron que intervir os Bombeiros para aplicar a maquinaria necesaria e sacar do barranco unha cuarta persoa en estado grave.

A persoa que alertou o 112, sobre as 21.30 horas da terza feira, dixo que no coche ían cinco persoas, entre elas un menor. Con todo, ao finalizar a súa intervención, os bombeiros explicaron que se trataba de catro persoas, tres das cales puideron subir ao barranco polos seus propios medios.