Feridas tres persoas ao caer por un desnivel o coche no que viaxaban en Cerdedo-Cotobade

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)

Dúas mulleres e unha menor resultaron feridas no quilómetro 67 da estrada N-541 ao saírse da vía e caer por un barranco o coche no que circulaban no Concello de Cerdedo-Cotobade, na comarca de Pontevedra.

Segundo trasladou o 112 Galiza, os feitos sucederon sobre as 19:30 horas desta sexta feira. A esa hora, un particular alertaba á central de emerxencias do sinistro e sinalaba que o vehículo terminara envorcado.

Con esta información, os operadores do 112 deron aviso a Urxencias Sanitarias de Galiza-061, aos Bombeiros do Deza, ao Servizo de Emerxencias da Estrada, á Garda Civil de Tráfico, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e ao servizo de mantemento da vía de circulación.

Os servizos de emerxencias indicaron que as tres persoas subiron por un camiño, situado preto do lugar onde caeu o vehículo, na parroquia de Pedre. Posteriormente, foron trasladadas polos servizos sanitarios ao Hospital Montecelo.