Unha persoa morta e dúas feridas graves nun accidente provocado por un coche en sentido contrario en Meis

Os feridos foron trasladados ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Na Autovía do Salnés.

Unha persoa de 71 anos de idade morreu e outras dúas, de 51 e 46, resultaron feridas de consideración, polo que tiveron que ser trasladadas ao Hospital Montecelo de Pontevedra, tras unha colisión entre dous coches no municipio de Meis, comarca do Salnés.

Un dos vehículos implicados, no que viaxaban dous dos afectados, circulaba en sentido contrario. O sinistro ocorreu sobre as 10:20 da mañá desta terza feira no quilómetro 3 da a AG-4.1 (Autovía do Salnés), no carril que vai en sentido Santiago.

O aviso ao 112 deuno o sistema automático 'E-Call'. Tras a alerta, activouse un operativo coa participación de Urxencias Sanitarias-061 e dos bombeiros de Ribadumia, que tiveron que liberar dúas das persoas do seu vehículo. O terceiro ferido estaba liberado.

Segundo indica a Europa Press o 112 Galiza, o 061 valorou o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Compostela, pero finalmente descartouse porque as circunstancias climatolóxicas non eran moi favorables.

Así, os servizos médicos desprazáronse en ambulancia ata o punto do accidente para derivar os tres afectados ata o Hospital Montecelo. Con todo, segundo confirma o 112, unha das persoas faleceu. Sobre as circunstancias do accidente, que se están investigando, fontes da Garda Civil consultadas por Europa Press apuntan que o coche no que viaxaban dous dos feridos circulaba en sentido contrario.