A Festa do Banquete de Conxo achega á veciñanza a contorna natural do barrio con actividades para todas as idades

Familias durante o Banquete de Conxo (Foto: Concello de Compostela).
O Concello de Compostela tamén lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo.

Durante toda a fin de semana, o programa da Festa do Banquete de Conxo ofrecerá diversas propostas para todos os públicos pensadas para descubrir e gozar da contorna da Carballeira deste barrio compostelán.

Esta sexta feira 24 de maio terá lugar a visita literaria 'As voces do bosque', guiada polo escritor Quique Alvarellos, e un Scape Room coa que as persoas participantes poderán coñecer máis sobre este espazo e a súa historia.

O sábado 25, será a quenda do taller de observación de aves de Baños de Bosque (Forest Therapy Institute), e a dunha ruta que inclúe unha visita e exhibición do funcionamento do muíño de Mourullo, no río Sar. Todas as persoas interesadas en participar nestas actividades deberán inscribirse de maneira previa.

O barrio de Conxo celebrará esta fin de semana a súa histórica festa para conmemorar a fraternidade, a liberdade e a igualdade, ofrecendo un amplo programa de actividades cuxo día grande será o domingo 26 co desfile e as recreacións teatralizadas do Banquete, seguida pola tradicional romaría popular. Dentro da programación, a veciñanza poderá escoller entre varias opcións para achegarse á contorna da Carballeira de Conxo.

Ademais, este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre e percorrido polo bosque do Banquete.

Trátase dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis e nas modalidades individual ou grupal, que busca fomentar a participación de familias. Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante.

I Certame fotográfico

O Concello de Compostela tamén lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e pór en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía.

Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 até o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.