Fin ao misterio: Manel Monteagudo non estivo 35 anos en coma e asume "toda a culpabilidade"

Manel Monteagudo (Imaxe: AELG)

Manel Monteagudo saltou á palestra nos últimos días tras viralizarse a súa historia, replicada en medios de comunicación radicados na Galiza mais tamén nos estatais. Asegurou en entrevistas, entre elas na radio pública galega, que pasara 35 anos en coma e que nese período de tempo tivera dúas fillas.

A historia de Manel Monteagudo ocupou páxinas de xornais, espazos radiofónicos e televisivos, ademais de facerse viral nas redes sociais nos últimos días.

O galego, que é escritor, asegurara que estivera 35 anos en coma, período no cal casara e tivera dúas fillas. As contradicións no seu relato non implicaron que medios de comunicación desen por certa a información, mesmo consultando con todo tipo de especialistas.

"Debín de cortalo antes porque isto foise de nai, en ningún momento a miña pretensión era semellante cousa. Asumo toda a culpabilidade", afirmou esta sexta feira ante as cámaras da TVE.

"Debido ao accidente, tiña todos os días, durante 35 anos, de 14 a 16 desfalecementos diarios"

"Non estiven 35 anos en coma", repetiu ante os medios de comunicación desde a porta da súa casa en Vigo, "debido ao accidente, tiña todos os días, durante 35 anos, de 14 a 16 desfalecementos diarios". 

Manel Monteagudo é o pseudónimo co que se coñece a José Manuel Blanco Castro, o poeta galego virou popular por un testemuño que resultou ser falso.

A historia deste autor non é nova, pois xa circulaba en 2019. Daquela referíase a un “coma temporal”. Porén, chegara a asegurar en declaracións a medios de comunicación que permanecera en estado vexetativo tres décadas.

Puxera de manifesto entón que ficara en coma con 22 anos e espertara con 58. O seu testemuño non coincidía con outra versión que el mesmo publicou en Facebook en 2017, cando afirmou que sufrira un accidente laboral que lle deixou secuelas graves, pero non en estado comatoso.